Escoitar

O Consello Municipal da Muller esixe a posta en marcha das Leis Integrais contra a Violencia de Xénero

O Consello Municipal da Muller quere fazer pública a sua repulsa diante do novo caso de terrorismo machista no que Cristina González Sacau de 39 anos foi asasinada a mans do seu marido. O Consello reuníuse o mércores, 19 de outubro, e aprobou por unanimidade a declaración de repulsa.

xoves, 20 out 2011
O Consello Municipal da Muller de Vigo quere fazer pública a sua repulsa diante do novo caso de terrorismo machista no que Cristina Gonzalez Sacau de 39 anos foi asasinada a mans do seu marido.

A esta atrocidade do asasinato de Cristina, hai que engadirlle o tratamento informativo, que poderiamos denominar desinformativo, dado pola maioria dos medios de comunicación. Atopamo-nos con todo un relatorio de opinións da veciñanza: "non o esperabamos"," era moi bon", "moi traballador", "moi pacífico", "ela tiña mal xenio", " non habia denuncias previas", que escoitaron "berros de auxilio, golpes fortes, mais como logo houbo silencio" non fixeron nada. Certos xornais fan prevalecer o morboso da noticia e reproducen sen pudor estas frases sen cavilar que das mesmas poderia-se deducir claros indicios de denegación de auxilio.

Precisamos un compromiso firme para rematar con o machismo e a desigualdade que aínda hoxe impera na nosa sociedade, precisamos dunha implicación integral dos poderes públicos a todos os níveis. Precisamos concienciar a toda a cidadanía de que éste é un problema que ten a sua orixe na sociedade patriarcal, que aínda a dia de hoxe fai que mulleres e homes desenvolvan roles diferentes.

Namentras que os poderes públicos non consideren a violencia de xénero como un problema de estado e que o terrorismo machista produce moita dor e moitas mortas, mentras desde os poderes públicos non se considere esta masacre como fundamental, a cidadanía seguirá a xustificar determinados actos como arrebatos de loucura, e non como o resultado da sociedade patriarcal, non poderemos avanzar.

Neste contexto de crise onde a precariedade, a desigualdade e o desmantelamento do Estado de Benestar son cada día mais evidentes , e as solucións neoliberais propostas para superar a crise comparten co patriarcado á volta ao fogar da muller e os recortes dos nosos direitos, a realidade da violencia de xénero vai a incrementarse. Según os dados oficiais a día de hoxe 52 mulleres foron asasinadas no que vai de ano no estado.

Esiximos a posta en marcha das medidas previstas na Leis Integrais contra a Violencia de Xénero estatal e galega ao tempo que respostas políticas, institucionais e cidadás para rematar con este problema que ten a súa orixe na profunda ideoloxía machista .

Esiximos o cumplimento da "Declaración de Compostela" mediante a que o Colexio de Xornalistas (CPXG) asumiu no ano 2004 unha serie de recomendacións no tratamento informativo da violência de género.

Hoxe mais que nunca é necesario que as mulleres, o feminismo, nos manteñamos unidas para non permitir dar nen un só paso atrás na conquista dos nosos direitos porque o machismo mata.