Escoitar

O alcalde afirma que Vigo é a cidade da pesca e reclama apoio institucional a Conxemar

No acto de apertura da décimo terceira edición desta Feira do Conxelado, Abel Caballero subliñou a tradición pesqueira e transformadora da cidade de Vigo e reclamou o respaldo das institucións a Conxemar. O evento, que pechará as súas portas o xoves, reúne no IFEVI a 520 expositores de 39 países completando a totalidade da superficie bruta expositiva, 31.500 metros cadrados. <br />

martes, 4 out 2011
1317742870conxemar.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes respaldo institucional á feira de conxelado máis importante do mundo, Conxemar, que abre hoxe as súas portas no Instituto Feiral de Vigo.

Caballero recordou que Vigo é a cidade da pesca, cunha gran tradición mariñeira e experiencia na captura, transformación e elaboración dos produtos. O rexedor vigués defendeu a necesidade dunha pesca responsable que garanta a sostibilidade dos recursos pesqueiros.

A Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados inicia hoxe a súa andadura e pechará as súas portas o próximo xoves. Conxemar chega á súa XIII edición ocupando a totalidade da superficie bruta expositiva (31.500m2).

A primeira feira do conxelado do mundo da tempada de outono reunirá este ano a 520 expositores de 39 países de todo o mundo, unha cifra lixeiramente inferior á do pasado ano, aínda que non en superficie neta, xa que un ano máis foi necesario reducir o espazo entre "illas" para satisfacer a demanda.

Tres de cada dez expositores de Conxemar son estranxeiros. Entre os países con maior presenza na Feira, ademais de España, destacan Arxentina, China, EEUU, Holanda, Portugal e Irlanda. Ademais, este ano a Feira contará coa presenza dunha decena de organismos internacionais, entre os que estarán por primeira vez Panamá e Arxentina.

Como vén sendo habitual neste evento, reservouse un espazo dedicado a maquinaria para o sector procesador e industria auxiliar, que ocupará unha superficie de 3.800m2 brutos, nos que medio centenar de fabricantes exporán as últimas novidades en tecnoloxía para o sector.
Descargar todas as imaxes