Escoitar

O rexedor destaca que as solicitudes de bolsas de comedor aumentaron este ano nun 90%

Abel Caballero destacou o aumento nun 90 por cento das solicitudes de bolsas de comedor rexistradas este ano, que pasaron de 1.951 , no curso pasado, a 3.699 neste curso que comeza. Instou á Xunta a "tomar nota de que ten que ampliar os comedores" en tanto que desde o Concello "imos conceder todas as bolsas precisas sempre que haxa espazo nos colexios".

xoves, 25 ago 2011
O rexedor municipal, Abel Caballero, subliñou hoxe xoves que as solicitudes de bolsas de comedor para escolares de Vigo pasaron das 1.951 do pasado curso, a 3.699 do curso que comeza, é dicir, incrementáronse nun 90%. Tras aclarar que este aumento é consecuencia da crise económica, o alcalde avanzou a súa intención de incrementar o orzamento para poder atender esta "prioridade de primeira magnitude". Na súa comparecencia ante os medios, Caballero instou a Xunta a "tomar nota de que ten que ampliar os comedores" xa que se van a atender todas as solicitudes na medida que haxa espazo nas instalacións educativas. Lembrou que ano pasado o Concello gastou 900.000 euros en bolsas de comedor e matizou que "non se poideron conceder todas as solicitadas por falta de espazo".