Escoitar

A Concellería de Deportes consolida a Bandeira de Traíñas ”Concello de Vigo”

mércores, 17 xul 2002
imx1671.jpg
Presentación
O concelleiro de Deportes, Santiago Domínguez, presentou a X Bandeira de Traíñas ”Concello de Vigo” que se celebrará o 21 de xullo no Real Club Náutico de Vigo. ”Con esta regata demóstrase que fomos quen de consolidar e darlle a forza que merecía ó deporte do remo”, sinalou Domínguez.

O concelleiro agradeceu ó RC Náutico, Coruxo e Virxe da Guía a promoción e traballo realizados polo remo na cidade. O Real Club Náutico foi brillante na organización do Campionato de España celebrado o pasado ano e seguirá demostrando esta cualidade nesta Bandeira ”Concello de Vigo”, afirmou Domínguez.

A composición das tandas será, como caso excepcional, sen regata clasificatoria previa, a criterio do Comité Organizador (Concello de Vigo, Federación Galega de Remo e Real Club Náutico), segundo o número de embarcacións inscritas e dos resultados das regatas celebradas nesta tempada ata o 14 de xullo.

A clasificación final será en función do tempo que invistan as tripulacións, proclamándose vencedora a tripulación que invista menos tempo no percorrido e así sucesivamente. Repartiranse 12.170 euros en premios.

Santiago Domínguez explicou que esta Bandeira está entre as catro mellores do calendario galego e animou a tódolos veciños a que se acheguen o domingo ás inmediacións do RC Náutico para presenciar este evento deportivo.

Santiago Domínguez fixo un saúdo cariñoso ó Club Virxe da Guía porque un accidente fíxolles cambiar a súa planificación. A Concellería de Deportes brindaralle unha axuda especial a este club para que poida saír adiante tralo percance.
Descargar todas as imaxes