Escoitar

Máis de dez mil persoas visitaron o Marco durante as xornadas de portas abertas

venres, 7 xuñ 2002
imx1524.jpg
Máis de 10.000 persoas visitaron o Museo de Arte Contemporánea -Marco- durante as xornadas de portas abertas que comezaron o pasado 18 de maio e que rematarán este sábado 8 de xuño. A actividade consistiu en visitas guiadas botando man do mito grego de Ariadna.

A público aínda pode ver nunha primeira parte a proxección de fotos realizadas en novembro de 1999 polo fotógrafo vigués Manuel G. Vicente, que tivo a oportunidade de facer unha reportaxe fotográfica do estado do inmoble antes de iniciarse as obras de remodelación. Posteriormente fanse 3 grupos de 25 persoas aproximadamente para visitar o edificio e ver a intervención arquitectónica cun guía especializado.

Xeralmente pártese dun punto central: o panóptico radial onde os visitantes poden observar a maqueta do edificio e da que saen tres cordas de diferentes cores que van percorrer cada unha das plantas. A azul vai dar á planta do soto, que é onde están as salas de reserva e que unha vez inaugurado o edificio vai ser de acceso restrinxido. Aquí poderán observar diferentes mobiliarios para gardar e conservar os fondos do museo, así como ver diferentes salas de embalaxe, desembalaxe, sala de fotografía e outras dependencias.

A corda laranxa percorre a planta principal na que se explica a historia do edificio, fálase sobre a dotación técnica deste e os diferentes usos ós que están destinados as galerías e patios.

A corda verde percorre a planta segunda onde ademais de explicar o seu uso e dotacións técnicas faise especial fincapé na importancia dun museo destas características.

Tamén hai un libro de suxestións onde o público unha vez rematada a visita poder facer uso del.

Polas mañás en horario de 10 a 13 horas de luns a venres, leváronse visitas guiadas dirixidas a escolares tanto de colexios públicos como privados e ós institutos dos que pasaron un total de 2000 escolares. A actividade en xeral foi ben acollida e hai que destacar que a unha alta porcentaxe de público chámanlle a atención as dimensións do edificio, subliñando a importancia da dotación técnica e expresan a súa satisfacción de que Vigo vaia contar cunha institución destas características, pero tamén é certo que poñen de manifesto o seu desexo de ver pronto os contidos do museo. Ó mesmo tempo esperan que sexa un punto importante de referencia cultural para Vigo.

Lémbrase que o sábado 8 de xuño é o último día que se pode visitar o Marco, en horario de mañá de 10 a 13 horas e de tarde de 17 a 20 horas.
Descargar todas as imaxes