Escoitar

Santi Domínguez afirma que o Congreso de Medicina que se celebra no Ifevi demostra a capacidade organizativa de Vigo

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, visitou este venres o XII Congreso Internacional de Medicina Xeral e de Familia que dende o día 18 e ata mañá se celebra no Ifevi. O nacionalista expresou a súa satisfacción por como se está desenvolvendo o congreso, o cal ao seu xuízo demostra que Vigo "pode acoller calquera evento destas características", no que se dan cita máis de 3.600 médicos de familia para analizar o presente e futuro da atención primaria e se contabilizan máis de 10.000 pernoctacións.

venres, 20 mai 2011
1305894414Congreso.JPG
Tras o percorrido que realizou polo recinto feiral, Santi Domínguez afirmou que a montaxe feita no Ifevi "é espectacular, con 11 salas habilitadas, auditorios e comedores", entre outras instalacións preparadas para acoller todas as actividades. Segundo o tenente de alcalde, a celebración deste congreso no Instituto Feiral de Vigo amosa que se trata dun recinto "que pode adaptarse a calquera tipo de celebración".

O tenente de alcalde asegurou que a celebración no recinto feiral vigués deste congreso é froito do traballo realizado nos últimos catro anos da Concellería de Turismo e do Vigo Convention Bureau na liña de conseguir que Vigo "sexa un referente no turismo de congresos e negocios". Neste sentido, o nacionalista expresou o seu convencemento de que este sector estase a converter nun dos puntais da economía viguesa, polo que asegurou o seu compromiso de seguir traballando para fornecelo.

Santi Domínguez lembrou que para nos vindeiros meses o Convention Bureau ten xa pechados un total de 14 congresos a celebrar en Vigo, nos que se prevé unha participación de 12.000 persoas e un volume de negocio de arredor de 10 millóns de euros. Segundo o tenente de alcalde, estas cifras supoñen un reforzo para o sector hostaleiro e comercial da cidade, nomeadamente nunha época de crise como a actual, e no que "hai que seguir afondando".
Descargar todas as imaxes