Escoitar

O festival Imaxina Sons celebrarase do 17 ao 25 de xuño e abre unha nova etapa con Nani García como director

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou este xoves o festival de jazz Imaxina Sons, que na súa sétima edición celebrarase do 17 ao 25 de xuño en diversos espazos da cidade, nalgúns casos con concertos gratuítos como os que terán lugar na Praza da Constitución e noutros "a prezos populares", como os que se realizarán no Auditorio Municipal ou no Centro Cultural Caixanova. O nacionalista asegurou que neste 2011 o festival "pecha un ciclo para abrir outro", ao asumir as funcións de dirección o pianista Nani García.

xoves, 19 mai 2011
1305810010Imaxina.JPG
"Cos vimbios que deixou Baldo Martínez e a nova savia de Nani García, conseguiremos que novos públicos se acheguen á música", afirmou o concelleiro de Cultura sobre os obxectivos desta nova etapa do festival. Xesus López expresou o seu recoñecemento ao anterior director ao asegurar que "creou un evento dende certo e soubo colocalo no cumio dos festivais do jazz".

Respecto á programación do Imaxina Sons 2011, Xesus López destacou que "salda algunha das débedas co público de Vigo, ao traer a dous músicos que en outras ocasións estiveron a punto de vir pero que por diferentes motivos non o fixeron". É o caso do trompetista norogués Nils Petter Molvaer, que o día 24 de xuño ás 21.30 horas actuará no Auditorio Municipal, como tamén do músico inglés John Taylor, que o 25 de xuño pechará o concerto no Centro Cultural Caixanova ás 21 horas.

No tocante ás entradas o concelleiro de Cultura apuntou que se poden mercar en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. O prezo para os concertos que terán lugar no museo Marco é de 3 euros e de 5 euros para as actuacións do Auditorio Municipal. Para o Centro Cultural Caixanova, en butaca teñen un prezo de 12 euros, en primeiro anfiteatro de 11 euros, en segundo anfiteatro de 10 euros, e en terceiro anfiteatro 9 euros. No Auditorio "Martín Códax" do Conservatorio Superior de Música e na Praza da Constitución os concertos son de entrada Libre ate completar aforo.

"Temos moitos motivos para sentirnos orgullosos deste festival", dixo o nacionalista. Agradeceu o traballo feito por Baldo Martínez, "porque foi quen de colocalo no mapa dos grandes festivais", e deulle o benvida a Nani García e desexoulle "todos os éxitos". Tamén agradeceu a todo o equipo da Concellería de Cultura e das distintas institucións "que teñen feito posible que este festival sexa unha realidade".

Nani García, pola súa banda, mencionou as dificultades que tivo o Imaxina Sons "para saír adiante" nesta edición, pero asegurou que é preciso "velas en positivo". Neste sentido explicou que os recortes propiciaron a redución de días, o cal fará que o festival sexa "máis intenso". Ademais salientou que pese a crise "vése que o festival está moi ben valorado e que todo o mundo en Vigo quixo que estea aquí".

O novo director do festival manifestou o seu orgullo "por poder participar en constribuír, na medida do posible, a que medre a partir da plataforma que creou Baldo Martínez". Respecto aos cambios introducidos nesta edición, asegurou que só se fixeron os que permitan "afondar na liña anterior" e destacou que Imaxina Sons 2011 tenta facer propostas cada vez máis diversas "para que o público teña unha visión cada vez máis ampla do jazz", apostando tamén polos grupos de jazz vigueses e galegos. Neste sentido menciounou os concertos de Pablo Seoane, o 18 de xuño no auditorio do Conservatorio Superior de Música e de Xan Campo, o 23 de xuño no Auditorio Municipal ás 21.30 horas. Tamén salientou o concerto inagural, a cargo do contrabaixista de orixe israelí Avishai Cohen, o 17 de xuño ás 22.30 horas no Centro Cultural Caixanova.
Descargar todas as imaxes