Escoitar

Aberto o prazo para presentar maquetas musicais no concurso ”Ti es o primeiro”

martes, 4 xuñ 2002
imx1506.jpg
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural convoca, en colaboración co grupo Radio Vigo, o concurso de maquetas “Ti es o primeiro”, que ten por obxecto a selección de grupos teloneiros para os concertos de Jamiroquai (27 de xuño) e Oasis (24 de xullo), incluídos no programa das Festas do Cristo da Victoria 2002.

Neste concurso poderán tomar parte todos aqueles grupos musicais de Vigo que estean interesados, entendendo como tal os que conten con alomenos un compoñente empadroado na nosa cidade, e que non teñan actuado no auditorio ó aire libre de Castrelos con anterioridade.

Os grupos interesados deberán presentar as súas maquetas en Radio Vigo, rúa Policarpo Sanz, n 36-38, 2ª planta, de luns a venres, en horario de 9,30 a 13,30 e de 16,00 a 19,00 horas. As maquetas presentaranse en CD ou MC, cun mínimo de tres temas. Tan só se aceptará unha maqueta por grupo. O prazo de presentación rematará ás 19,00 horas do día 14 de xuño.

Xunto coa maqueta, deberán entregar un sobre co nome do grupo e cunha nota no interior no que reflectirán os seguintes datos: persoa de contacto co seu enderezo e teléfono, compoñentes do grupo e breve historial.

As maquetas presentadas quedarán en poder do Concello de Vigo e pasarán a formar parte do seu arquivo musical, salvo que as persoas interesadas as reclamen na Concellería de Festas, no prazo de quince días a partir da publicación do resultado do concurso.

A selección dos grupos realizarase a través dun xurado presidido pola concelleira de Festas e Animación Sociocultural e composto por oito persoas relacionadas cos medios de comunicación locais.

O xurado seleccionará tres maquetas para cada un dos concertos, segundo a súa calidade artística, así como a súa afinidade cos grupos en cuestión e posibles condicionantes que poidan impor. Estas tres maquetas achegaranse ós responsables de xira de cada un deles para que escollan o teloneiro definitivo. Ós outros dous grupos, en cada caso, ofreceráselles a posibilidade de participar no ciclo “Xovevigo” organizado pola Concellería de Festas.

O Concello porá a disposición dos grupos gañadores os equipos de son e luces, backline, camerinos, “caterin”, etc. Os grupos deberán seguir en todo momento as indicacións técnicas, de horarios de ensaios e actuación e de calquera outra índole que lles realice a organización.

A mera participación no concurso supón a plena aceptación das presentes bases. A decisión do xurado será inapelable.

A concelleira de Festas e Animación Sociocultural e mais o xurado quedan facultados para interpretar as presentes bases, así como para resolver posibles dúbidas ou controversias que poidan xurdir.

Descargar todas as imaxes