Escoitar

Castrillo reclámalle á Xunta un plan de choque para resolver carencias sanitarias de Vigo no verán

venres, 12 xul 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, reclamoulle á Consellería de Sanidade que poña en marcha con urxencia un Plan de Choque que resolva o problema da falta de persoal sanitario na cidade durante o tempo de verán. “A Xunta”, dixo Castrillo, “debe contratar de inmediato facultativos e enfermeiras para cubrir as baixas e as vacacións nos centros de saúde e tamén se fai necesaria a contratación de cirurxáns para que non se interrompan as operacións e iso provoque que se acrecenten as listas de espera”.

O alcalde explicou que a falta de persoal este verán nos centros de saúde e hospitais de Vigo está afectando gravemente aos cidadáns e provocando malestar, inquedanza e molestias non só á poboación da cidade senón a moitas persoas que escollen a bisbarra de Vigo para pasar as súas vacacións. Castrillo afirmou que a asistencia sanitaria é un dereito básico que este verán se está prestando en Vigo en circunstancias moi precarias.

O alcalde apoiou as súas declaracións con algúns datos como o de que os centros de saúde de Vigo este verán dispoñen dun 30% menos de persoal porque o Sergas decidiu non cubrir as vacacións. Así, hai 40 médicos menos, 10 pediatras menos e non se substituíron matronas nin fisioterapeutas.

Segundo Castrillo, esta grave carencia de persoal está a provocar que os médicos teñan que reducir o tempo de atención aos pacientes, que medre espectacularmente o tempo de espera para recibir atención e que moitos pacientes recorran aos servicios de urxencia ante o colapso da atención primaria.

O alcalde referiuse tamén aos hospitais de Vigo para denunciar que, malia que son en Galicia os que teñen as listas de espera máis longas para operacións cirúrxicas se están pechando unidades como o Cíes e andares enteiros no Meixoeiro ou o Nicolás Peña. Castrillo criticou que mentres a Xunta tenta aforrar diñeiro a costa da atención sanitaria dos vigueses, moitos médicos especialistas que cumpriron o seu periodo de residencia nos Hospitais de Vigo realizando operacións cirúrxicas permanecen no paro e outros se van a Portugal, que é onde lles ofrecen postos de traballo.

Lois Castrillo lembrou que Vigo recibe no verán milleiros de visitantes que se suman á poboación estable da cidade e que por iso non é de recibo que a todos estes cidadáns se lles condene durante varios meses a vivir unha situación de precariedade no que atinxe á atención sanitaria.