Escoitar

Benestar Social aposta, de forma decidida, polo programa de intervención con menores

venres, 12 xul 2002
A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, asinou un convenio co director da Fundación Aldaba, Tomás Marín, para a realización dun programa de intervención con menores en situación de risco e prevención de violencia. O importe será de 188.153 euros.

Sío afirmou estar satisfeita co traballo desenvolvido durante o pasado ano mediante un programa piloto en colaboración con Aldaba que resultou ben acollido pola Inspección Educativa, polo Servicio de Menores da Xunta de Galicia e por traballadores sociais do Concello. Durante o ano pasado tratáronse 159 casos particulares que afectaron a 302 menores de 6 a 12 anos de idade.

Investigación, acción e colaboración interdisciplinar dan resposta a problemas multicausais destinados a evitar a inadaptación e exclusión de menores, explicou a concelleira. Trala detección polo profesorado de carencias alimentarias, falta de hixiene, absentismo escolar, conductas antisociais, síntomas de malos tratos e posible desestructuración familiar ponse en contacto cos responsables do programa para iniciar a súa actuación.

Tomás Merín destacou que para a eficacia do programa é necesaria a estabilidade que ofrecerá este convenio para obter resultados positivos de cara a evitar, na medida do posible, a inadaptación e a exclusión social dos menores, articulando unha intervención que favoreza procesos normalizadores para o menor. No marco do programa asináronse outros convenios de colaboración con entidades do ámbito psicolóxico e tempo libre para complementar as accións planificadas.