Escoitar

Máis de 1.500 persoas visitaron xa a exposición de Palacios ”Arquitectura e cidade”

xoves, 11 xul 2002
imx1653.jpg
Mostra
Máis de 1.500 persoas acudiron ata o momento a visitar a exposición que, sobre o arquitecto Antonio Palacios, se está a desenvolver na Estación de Trasatlánticos do Porto de Vigo. A meirande parte dos visitantes foron arquitectos, historiadores e familias procedentes de Vigo e comarcas limítrofes. O incremento de visitas produciuse fundamentalmente nas horas da tarde e fins de semana alcanzando a cifra de máis de 200 persoas por día.

A exposición, que remata o vindeiro 21 de xullo, organizada polo Concello de Vigo –a través da Concellería de Patrimonio Histórico- e polo Círculo de Bellas Artes, amosa a obra deste autor clave na arquitectura nacional do S.XX, facendo un percorrido minucioso polas edificacións que poden observarse nos concellos galegos onde desenvolveu a maior parte das súas edificacións coma Mondariz, Baiona, Carballiño e Vigo.

Por outra parte, as visitas guiadas pola obra do autor nas localidades nas que a súa obra está presente (Vigo, Val Miñor, Carballiño, Mondariz etc...) están a ter unha gran acollida entre o público, chegando nalgúns casos, como por exemplo no Porriño, a participar máis de 50 visitantes no percorrido.

Trala edición de folletos en inglés, os organizadores esperan exhibir a mostra no exterior mediante a distribución dos mesmos entre os cruceristas e turistas que cheguen a nosa cidade nos vindeiros días.


Visita guiada á obra de Palacios no Carballiño

O vindeiro sábado, 13 de xullo, terá lugar unha visita guiada pola obra do arquitecto Antonio Palacios no concello de ourensán do Carballiño. Esta visita enmárcase dentro do programa de visitas guiadas que desenvolve a Concellería de Patrimonio Histórico de Vigo.

A visita, organizada polo Instituto de Estudios Carballineses, terá lugar a partir das 11,30 horas no Templo da Veracruz. O historiador e especialista na obra de Palacios, Xosé Ramón Iglesias, será o encargado de explica-las características desta construcción.

As visitas son gratuítas e están abertas a calquera cidadán. O programa de visitas guiadas remata o vindeiro 20 de xullo en Vigo, cidade donde terá lugar o último percorrido.

Visita guiada:
Carballiño, sábado 13 de xullo
Lugar: Templo da Veracruz
Hora: 11,30 horas
Gratuíta
Aberta a todo o público
Descargar todas as imaxes