Escoitar

O alcalde anuncia "taxa cero" nas licenzas urbanísticas de actividade e primeira ocupación

Abel Caballero informou hoxe mércores da decisión, que na práctica supón pagar o 10% -o mínimo legalmente posible- do que viña aboándose ao Concello en concepto de taxas pola concesión das licenzas de primeira ocupación e de actividade e instalación. Esta medida aplícase a usos residenciais, comerciais e industriais, explicou o alcalde, quen estimou entre os 500.000 e o millón de euros o aforro cidadá coa rebaixa. "Isto é posible porque temos unhas finanzas extraordinariamente sanas", afirmou Caballero.

mércores, 6 abr 2011
1302093578vulcano.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe mércores a decisión de aplicar a "taxa cero" ás licenzas urbanísticas de primeira ocupación e de actividade, tanto para usos residenciais como industriais e comerciais.

A normativa legal impide a gratuidade total nas taxas, polo que os solicitantes pasarán a pagar o 10% -o mínimo legalmente permitido- do que viñan abonando ao Concello de Vigo polos devanditos trámites.

Esta decisión a adiantou esta mañá o alcalde nunha visita ao astaleiro Factorías Vulcano, onde informou do inicio do proceso administrativo para implementar a "taxa cero", válida "con efectos a un de xaneiro" do presente ano, o que permitirá á cidadanía viguesa un aforro estimado entre 500.000 e o millón de euros.

Segundo asegurou Caballero, cada ano a Xerencia municipal de Urbanismo concede unhas 1.200 licenzas de actividade para negocios de Vigo, que este 2011 terán "taxa cero" porque "queremos que a economía se reactive". O primeiro edil avogou por levar "ao límite das posibilidades" a axuda municipal ante a crise e puntualizou que "isto é posible porque temos unhas finanzas extraordinariamente sanas" no Concello, que veu reducida a súa débeda "de forma moi importante" nos últimos catro anos.

"Seremos o primeiro concello de España que teña taxa cero", asegurou Caballero, en licenzas de actividade e de primeira ocupación, unha medida que defendeu pola necesidade das administracións de dirixir os seus "esforzos" a "potenciar e facilitar a actividade económica" neste periodo de crise.

Terrazas
Caballero recordou que a simbólica "taxa cero" tamén foi aplicada este ano á instalación de terrazas na vía pública. Esta iniciativa tivo unha "magnífica acollida" entre o sector hosteleiro e avanzou o alcalde que os establecementos están a solicitar ampliar as terrazas en lugar de recuperar o investimento xa abonado.

Como acontece tamén coa taxa para as licenzas de primeira ocupación e de actividade, a rebaixa aplicada neste concepto é a máxima legalmente posible.
Descargar todas as imaxes