Escoitar

O tenente de alcalde e o concelleiro de Deportes entregan as axudas VIDE a 12 clubs de elite de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, entregaron hoxe as axudas da Fundación Vigo en Deporte (VIDE) aos clubs de elite polo programa Siareiros. Esta tempada, VIDE entregará 169.000 euros para os clubs de elite (doce entidades) e os base (23 entidades) do programa, que se suman as aportacións que fai a Concellería de Deportes. Santi Domínguez apuntou que neste mandato a través da Fundación aumentáronse as aportacións que reciben os clubs cun montante total nestes anos de 878.000 euros.

xoves, 10 feb 2011
1297354046VIDE.JPG
Doce entidades deportivas beneficiáronse deste primeiro pago. S.D. Octavio (Pilotes Posada), C.D. Bosco (Celta Indepo), C.D. Amfiv (Aldasa), Vigo Stick, C.V. Vigo (Uorsa Vigo), Halcones de Vigo, Universidade de Vigo Rugby Club (Iveco Uvigo), Coruxo FC, Xuvenil de Teis (Turismo de Vigo), El Olivo Novacaixagalicia, Balonmán Seis do Nadal-Coia (Magope) e U.B. Lavadores (Las Cinco Jotas) recibiron a primeira doazón da tempada, cun montante de 58.500 euros. No segundo pago, en maio, xa entran os clubs de base, e nesa segunda doazón repartiranse 110.500 euros. Aos clubs de base VIDE abónalles os seus gastos en instalacións deportivas municipais e unha axuda polo seu compromiso co carné Siareiros Base.

Santi Domínguez, tenente de alcalde e creador do programa Siareiros en 1999, asegurou que nesta iniciativa, "pioneira, o principal obxectivo, e do que nunca nos debemos desviar, é que cada vez haxa máis practicantes de deporte e que se estenda a todas as idades". O nacionalista afirmou que os recursos "son os que son", e máis en tempos de crise, pero "o concelleiro Xavier Alonso tiña un mandato, que non podemos rebaixar os niveis de axuda". O tenente de alcalde dixo tamén que "Vigo non sería no 2010 Premio Nacional del Deporte sen o esforzo dos clubs, que fan un labor importantísima promocionando a cidade".

Pola súa banda, Xabier Alonso, concelleiro de Deportes e presidente de VIDE, subliñou a complementariedade das axudas da Concellería de Deportes, uns 1,1 millóns de euros para os clubs da cidade, de máxima categoría ou máis modestos, e as de VIDE, e manifestou que "o deporte é unha esixencia para a sociedade", cualificando ás entidades deportivas locais de "conscientes e responsables" á hora de traballar a prol do deporte. O concelleiro felicitouse polo equipo que forma co tenente de alcalde, xa que "comparte o criterio dos valores que o deporte ten na sociedade" e aplaudiu o apoio dos patróns de VIDE, Novacaixagalicia, PSA Peugeot Citroën, ademais do propio Concello, "porque ningún afrouxou nunca no seu apoio a VIDE".

Á entrega das aportacións asistiron tamén Jorge Santos, director de Infancia, Mocidade e Deportes de Novacaixagalicia, en representanción dos patróns privados, e Laura Magdalena, directora xerente da Fundación Vigo en Deporte.
Descargar todas as imaxes