Escoitar

Os ámbitos urbanísticos iniciados en Vigo inclúen máis de 10.000 vivendas de protección

O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, informou hoxe mércores que os 40 ámbitos urbanísticos que teñen iniciada a súa tramitación en base ao novo Plan Xeral suman 5,5 millóns de metros cadrados e case 19.000 vivendas, das que máis de 10.000 son de protección oficial. Estes espazos incluirán tamén 740.000 metros cadrados de zonas verdes. O edil amosouse "satisfeito" polos avances urbanísticos rexistrados co novo PXOM pese á crise económica e financeira actual.

mércores, 9 feb 2011
1297258335urbanismo.jpg
O concelleiro de Urbanismo, José Mariño, cifrou hoxe mércores en 5,5 millóns de metros cadrados os ámbitos urbanísticos iniciados en Vigo co novo Plan Xeral, que inclúen máis de 10.000 vivendas protexidas.

En rolda de prensa, o socialista referiuse ao informe do Director de Planeamento e Xestión da Xerencia de Urbanismo que certifica os 40 ámbitos que comezaron a súa tramitación e suman 18.900 vivendas en total, das que 10.619 son de protección oficial. A documentación aportada indica que estes ámbitos incorporan asemade 520.000 metros cadrados de espazo para usos dotacionais (escolas infantís, centros de día, etc) e outros 740.000 de zonas verdes.

José Mariño amosouse "moi satisfeito" polo grao de desenvolvemento urbanístico que presenta Vigo ao abeiro do Plan Xeral en vigor, sobre todo atendendo á crise económica e financeira actual. A este respecto, o edil explicou que unha cidade como San Sebastián ten iniciado a quinta parte dos metros cadrados en tramitación de Vigo.

O concelleiro recordou que cada avance nalgún dos ámbitos recollidos no PXOM acude semanalmente aos Consellos da Xerencia de Urbanismo -onde participan todos os grupos políticos- e están expostos ao público na web municipal.
Descargar todas as imaxes