Escoitar

Santi Domínguez salienta que os complexos de agua de Barreiro e Coia-Florida teñen xa máis de 9.200 abonados

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, visitou este martes o novo complexo de auga de Barreiro, aberto dende o pasado 1 de febreiro. Tras percorrer as instalacións, o nacionalista destacou que na súa primeira semana de funcionamento, este centro "Máisqueauga" de Barreiro conta xa con 4.200 abonados, que se suman aos 5.000 do complexo de Coia-Florida.

martes, 8 feb 2011
1297172472Barreiro.JPG
"Acertamos plenamente ao ofertar estes dous complexos de auga, tendo en conta a demanda que había na cidade", manifestou o tenente de alcalde. Ao seu xuízo, as cifras "non deixan lugar a dúbidas", xa que antes da súa apertura o do centro de Coia-Florida tiña 3.200 abonados, mentres que o de Barreiro contaba con 3.600. O número de inscrición sigue medrando e "só unha semana 600 persoas novas chegaron a estas instalacións".

Santi Domínguez expresou a súa satisfacción por ter feito "o investimento máis alto" nestas estas dúas instalacións. "Dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes foi un obxectivo que estas dúas instalacións estiveran en funcionamento", manifestou. Para o nacionalista, Vigo merecía "dunha vez por todas" que se fixera este esforzo en materia deportiva.

O nacionalista felicitou ao concelleiro de Deportes "polo incremento ao longo deste mandato das instalacións deportivas na cidade" cun investimento que ronda o 26 millóns de euros. Como novas infraestruturas mencionou os dous complexos de auga de Coia-Florida e Barreiro, o polideportivo e campo de fútbol de Navia, a zona deportiva anexa en Barreiro e o novo pavillón de Candeán, cuxa construción empezará en breve.

"Creo, con toda humildade, que nun só mandato nunca se fixo un investimento en infraestruturas deportivas como neste, e se a cidadanía renova a súa confianza en nós manteremos este compromiso", subliñou Santi Domínguez. Preguntado por que novos proxectos deportivos se levarían a cabo na próxima lexislatura, o nacionalista afirmou que o "proxecto estrela" sería a segunda fase deportiva de Navia. Ao respecto sinalou que de levarse a cabo, Vigo contaría cunha piscina olímpica e un complexo de raqueta en Navia.

Instalacións Barreiro
O complexo de Barreiro conta con 2 piscinas, unha de aprendizaxe e outra de natación; unha zona de spa urbán, 2 pistas de pádel, 700 metros cadrados de sala de cardio, máis de 100 postos na sala de fitness, 5 salas para realizar diferentes actividades deportivas, 1 sala de ciclo-indoor, un solarium exterior e amplos vestiarios. Todas as instalacións están adaptadas a persoas con discapacidade.

O nacionalista tamén apuntou que a ampla oferta de actividades que se poden desenvolver e os prezos populares, que van dende os 30 euros do abono individual adulto, aos 5 euros por cada membro no abono familiar, "permiten que unha persoa poida pasarse toda a mañá facendo deporte".

O tenente de alcalde expresou seus parabéns aos responsables das instalacións, así como aos monitores e monitoras, "porque segundo os usuarios e usuarias o trato é extraordinario".
Descargar todas as imaxes