Escoitar

O goberno local reclama á Xunta que os fondos para emprego teñan en conta á poboación e o número de parados dos municipios

Socialistas e nacionalistas aprobaron este luns unha moción que demanda á Xunta de Galicia que modifique a orde autonómica que regula as axudas aos concellos para o fomento do emprego, xa que non atende a criterios poboacionais nin de número de parados. O concelleiro de Emprego, Santos Héctor, denuncia que Vigo pode recibir tanto ou incluso menos que un municipio de 20.000 habitantes para loitar contra o paro.

luns, 7 feb 2011
Segundo reza o texto aprobado, coa oposición do PP vigués, a Xunta de Galicia emprega os fondos recibidos do Goberno de España para combater o desemprego de xeito "clientelar" pois "non se ten en conta nin o número de desempregados nin as súas características, só a poboación total do Concello considerando igual a un concello de 20.000 habitantes que a outro de 300.000", cun máximo de medio millón de euros.

O socialista Santos Héctor tamén denuncia que a orde aprobada retira os fondos específicos para a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero e permite -previo acordo do delegado/a da Xunta e do alcalde/sa do municipio- contratar do INEM, "con nome e apelidos", a quen eles conxuntamente decidan "e que, non o dubidamos, serán os seus amigos".

O edil defendeu a xestión municipal na creación de emprego, que supuxo a contratación de máis de 11.000 persoas entre investimentos e programas específicos, que agora permite a Vigo estar tres puntos por debaixo do nivel de incremento de paro que rexistra Galicia desde a chegada de Núñez Feijóo ao goberno autonómico.

A nacionalista Iolanda Veloso recordou que, durante o ano 2010, Galicia é a comunidade autónoma que máis emprego destruíu de España, "esas son as cifras do goberno Feijóo", censurou, tendo Galicia a taxa de paro máis alta dos últimos once anos.

O voceiro do Partido Popular, Miguel Fidalgo, cualificou de "sorprendente" que os socialistas presenten unha moción sobre emprego cando o goberno central duplicou a taxa de paro e en Vigo incrementouse en dez puntos. Indicou que é "falso" o que a moción reclama pois os criterios son "os mesmos" que os empregados polo anterior goberno da Xunta.