Escoitar

Caballero convoca aos grupos políticos municipais para consensuar "os elementos básicos da Área Metropolitana" de Vigo

O alcalde de Vigo convocou para mañá mércores a celebración dunha xunta de voceiros dos tres grupos políticos con representación municipal (PP, PSdeG e BNG) para tratar de acordar "os elementos básicos da Área Metropolitana", un dos que sería evitar a duplicidade de administracións porque "en etapa de crise, hai que aforrar recursos". Caballero reclamou á Deputación de Pontevedra que ceda á Área as competencias e os recursos económicos en materia de deporte ou cultura, entre outras, que cifrou en 60 millóns de euros anuais.

martes, 8 feb 2011
1297172390Imagen005.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe martes a convocatoria dunha reunión dos voceiros dos tres grupos políticos municipais para acordar "os elementos básicos da Área Metropolitana" de Vigo, que se celebrará mañá mércores.

En declaracións aos medios de comunicación, o rexedor vigués defendeu que a nova entidade metropolitana require do acordo municipal nos aspectos básicos da mesma, un dos cales sería que "non pode haber duplicidades entre administracións", sobre todo porque "en etapa de crise, hai que aforrar".

Caballero reclamou á Deputación de Pontevedra que ceda as súas competencias e os recursos financeiros á futura Área, e recordou que o organismo provincial actúa en materia deportiva, de consumo, vías e obras, en servizos sociais, comercio, turismo, novas tecnoloxías, cultura... e incluso humanizaron rúas de Vigo no goberno anterior. Tamén teñen competencias en viais, e en Vigo teñen varias rúas da súa titularidade como a Estrada Provincial.

"Queremos que esas competencias que ten a Deputación veñan á Área Metropolitana", apuntou o alcalde vigués, quen explicou que o Estado cede a práctica totalidade dos recursos económicos da Deputación en correspondencia coa poboación, polo que á Área de Vigo lle corresponderían "máis da metade" dos seus recursos.

Caballero indicou que o orzamento provincial para 2011 é de 128 millóns de euros, polo que cifrou en 60 millóns de euros anuais as transferencias ao futuro organismo metropolitano. "Solamente con eso, a Área Metropolitana se financiaría sobradamente", concluíu.
Descargar todas as imaxes