Escoitar

Caballero informa dunha nova sentenza do TSXG que avala a decisión municipal de duplicar a vivenda protexida

O alcalde fixo pública este mércores unha nova sentencia xudicial favorable aos intereses do Concello de Vigo -suman xa sete- en relación ao Plan Xeral. Neste caso, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala a duplicación da porcentaxe da vivenda protexida sen necesidade de exposición pública previa, porque non implica a "alteración do uso residencial dos ámbitos" e porque "está xustificado" o incremento no estudo de viabilidade municipal. O recurso era á totalidade do Plan.

mércores, 9 feb 2011
1297258298Imagen006.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta este mércores dunha nova sentenza do TSXG que avala a decisión do goberno que preside de duplicar no Plan Xeral a porcentaxe de vivenda protexida ao 47% sen exposición pública previa.

Segundo explicou, o Concello de Vigo recibiu xa sete recursos xudiciais relativos ao Plan Xeral, todos favorables á cidade, pero este -presentado para a totalidade- resolve unha das principais críticas arroxadas ao documento no momento da súa aprobación: o TSXG manifesta que non é preciso unha nova exposición pública do PXOM polo incremento porcentual da vivenda de protección.

Caballero apunta que o TSXG é "categórico" en favor do Concello vigués. O incremento da VPO está "xustificado" e avalado polos tribunais, polo que Vigo da "un paso moi importante na súa seguridade xurídica en relación ao Plan de ordenación municipal".

Ata o momento, as sete resolucións dos tribunais sobre o Plan son "absolutamente favorables ás tesis do goberno de Vigo", indicou Caballero. O alcalde deu lectura ao texto que desestima o recurso porque "non se produciu unha modificación da clasificación ou cualificación urbanística do solo urbano, como tampouco unha alteración dos usos residenciais ou da edificabilidade prevista inicialmente, xa que o que se produciu foi un incremento porcentual na reserva de solo para vivendas de protección pública".

Caballero asegurou tamén que o texto xudicial estipula que "aquela porcentaxe do 20% era o mínimo previsto para a edificabilidade residencial en cada distrito e non probou a parte actora que as novas porcentaxes sexan improcedentes ou excesivas".

Por último, o Tribunal afirma que "deben terse en conta dous extremos: o primeiro, que ningunha desas reservas supón a alteración do uso residencial dos ámbitos, nin a tipoloxía de vivenda colectiva; e o segundo, que tal porcentaxe é mínimo, polo que pode elevarse cando o esixa o interese público, que aquí está xustificado" polo informe de viabilidade elaborado polo goberno local.
Descargar todas as imaxes