Escoitar

Santi Domínguez salienta que "Unha pinacoteca para Galicia" é unha "gran exposición" que "vai sorprender" a quen a visite

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este venres que a mostra "Quiñones de León: unha nova pinacoteca para Galicia", que se poderá visitar na Casa das Artes desde hoxe e ata o 13 de febreiro, é o primeiro paso para dotar a Vigo dun espazo axeitado para amosar "os grandes tesouros que estaban no Museo de Castrelos e que forman parte da colección munical de arte galega. O nacionalista salientou que é "unha gran exposición" que "vai sorprender" ás persoas que se acheguen a contemplala.

venres, 26 nov 2010
1290779238visita.jpg
Na visita que realizou á mostra, na que tamén participaron os concelleiros de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e Cultura, Xesus López, así como o comisario da mostra, Carlos Bernández, e o director do Museo de Castrelos, José Ballesta, o nacionalista afirmou que o seu obxectivo é "ir abrindo boca ao gran contentor cultural que en poucos meses teremos na cidade, como é a nova Pinacoteca". Neste sentido apuntou que a exposición é un avance, xa que está integrada por unha selección de 83 obras da colección municipal da plástica galega dos séculos XIX e XX, que inclúe obras de artistas como Serafín Avendaño, Maside, Sotomayor, Castelao, Laxeiro, Colmeiro e Lugrís.

Santi Domínguez felicitou ás concellerías de Patrimonio Histórico e Cultura polo traballo que están desenvolvendo. "Dicía que dende a Tenencia de Alcaldía un dos obxectivos prioritarios era vertebrar a rede museística da cidade, e as ordes foron perfectamente cumpridas coa posta en marcha nos vindeiros meses da Pinacoteca e o Centro Galego de Fotografía", manifestou. Segundo indicou o tenente de alcalde, nestes tres anos e medio de lexislatura "pouco máis se pode facer a respecto do patrimonio e a cultura conseguindo un vello soño como é vertebrar a rede museística".

O concelleiro de Patrimonio Histórico salientou a importancia de organizar a exposición dado que "a maioría dos vigueses e viguesas non coñece a categoría dos cadros" que integran os fondos de pintura galega do Museo de Castrelos. Considerou que non é preciso afondar máis na xustificación da mostra, xa que é o avance "cara a un proxecto que está encamiñado para converterse nun dos grandes de Vigo nesta época".

Eudosio Álvarez indicou que poderá verse a última obra adquirida polo Museo de Castrelos, no ano 2009, que é un bodegón de Luis Seoane do ano 1956, así como as 10 obras restauradas especificamente para a mostra e cadros xa expostos pero que agora serán amosados cunha nova "capacidade lumínica".

O comisario da mostra explicou os criterios empregados na selección das 83 obras. "Apostei por unha lectura cartográfica, que dende ámbitos formais e temáticos diferentes permita ver a evolución da arte galega dos séculos XIX e XX", explicou Carlos López Bernárdez. Tamén sinalou que a liña argumental da mostra se desenvolve ao longo de dez apartados, "que permiten que o espectador teña enlaces, a modo de links, que o leven mentalmente dunha sala a outra".

Carlos López Bernárdez indicou que ademais dos "xéneros canónicos" como paisaxes e naturezas mortas, a mostra tamén inclúe outros temas que fan referencia aos costumes e as tradicións e a temática da muller, que ao seu xuízo "ten un valor icónico ligado á identidade galega". Outros apartados refírense "ás procuras dos artistas en función dos seus intereses temáticos", ao eido social e á reivindicación de clase dos propios artistas, entre os que destacou Castelao, e o pulo de Vigo na vangarda artística dos anos 70. 80 e 90.
1290779238visita.jpg
1290779341laxeiro.jpg.jpg

Máis información