Escoitar

A ecoloxía e calidade de vida, bases de Vigonatura

mércores, 15 mai 2002
Vigonatura 2002, feira da ecoloxía e a calidade de vida abre o xoves 16 de maio as súas portas no recinto feiral de Cotogrande e poderase visitar ata o domingo. Trátase da segunda edición deste certame que duplica tanto o número de expositores como da superficie en relación ao ano pasado. A feira conta co apoio da Concellería de Medio Ambiente.

O acto de inauguración, previsto para as 12:00 horas do día 16, estará presidido polo alcalde de Vigo, Lois Castrillo, que estará acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente, Amador Fernández e de Tráfico, Xaquín de Acosta.

Sobre unha superficie de 6.000 m2, un cento de expositores ofrecerán ós visitantes a posibilidade de coñecer productos ecolóxicos e naturais dos diferentes sectores. Tamén haberá unha aula medioambiental con obradoiros dirixidos tanto a escolares como a adultos onde poderan realizar traballos con papel, reciclaxe de lixo, cociña vexetariana e repostería natural. Outra zona da feira contará cun mercado onde se poderán degustar productos de agricultura e gandería biolóxica. Unha cuarta zona conta con área de terapias naturais.

Conferencias, charlas e mesas redondas celebraranse ó longo das catro días do certame en horario continuado desde as 10.30 ata as 20.30 horas onde se divulgarán temas relacionados coa calidade de vida e a protección do medioambiente.

Bus verde

A organización de Vigonatura en colaboración con Vitrasa e a Concellería de Tráfico ofrece un autobús gratuíto para acceder ao recinto feiral. O bus funcionará dende o venres día 17 ata o domingo. A lanzadeira partirá dende a rúa Policarpo Sanz, frente a Caixanova, cos seguintes horarios: 11.00, 16.30 e 17.30 horas. Saída do recinto feiral: 14.00, 19.00 e 20.30 horas.