Escoitar
Abel Caballero participou na mesa "Seguridade viaria nas grandes cidades"

O alcalde levou as humanizacións de Vigo á xornada parlamentaria sobre Seguridade Viaria

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, levou esta mañá o modelo de humanizacións vigués á II Xornada Parlamentaria sobre Seguridade Viaria e Prevención de Accidentes de Tráfico -celebrada na madrileña sala Clara Campoamor do Congreso dos Deputados-, dirixida á posta en común das experiencias locais co obxectivo de mellorar a normativa estatal sobre seguridade viaria.

luns, 22 feb 2010
1266847212CPD34029.JPG
Abel Caballero, quen participou na mesa "Seguridade viaria nas grandes cidades" xunto cos rexedores de Madrid, Sevilla, Bilbao e Murcia, defendeu as melloras realizadas en Vigo en materia de seguridade viaria. O alcalde vigués avogou en particular polo avance que supón neste aspecto a humanización de rúas para a cidadanía, xa que aumentan o espazo para os peóns, protexen o seu tránsito nas zonas críticas -como as interseccións e os pasos peonís-, e incrementan a visibilidade destes no ámbito viario.

Do mesmo xeito, Caballero recordou que as humanizacións inclúen a reordenación e calmado do tráfico rodado, con medidas específicas como o estreitamento de carrís, os pasos elevados e o deseño realzado e adoquinado nas interseccións, entre outras.

Xunto ao programa de humanizacións, o alcalde de Vigo tamén citou outras actuacións reseñables que veñen afondar no descenso sostenido dos datos de siniestralidade na cidade olívica, como son as melloras na regulación semafórica e na sinalización, a mellor visibilidade dos semáforos mediante a instalación dos leds, a iluminación específica e diferenciada dos pasós de peóns e as bandas redutoras de velocidade.

A mesa das grandes cidades, na que participou Vigo, foi moderada polo presidente da Comisión non permanente sobre Seguridade Viaria e Accidentes de Tráfico, Emilio Olabarría Muñoz. A cita conta con outras tres mesas, reservadas ás cidades de tamaño medio e ás pequenas urbes, xunto á sesión titulada "Seguridade viaria e mobilidade urbanas, ¿unha asignatura pendente?", encargada de abrir a Xornada.

A II Xornada Parlamentaria sobre Seguridade Viaria e Prevención de Accidentes de Tráfico contou coa presenza do Ministro do Interior do Goberno de España, Alfredo Pérez Rubalcaba, na inauguración e será clausurada na tarde de hoxe polo seu homólogo na carteira de Fomento, José Blanco.
Descargar todas as imaxes