Escoitar

Santi Domínguez destaca que a mostra "Xoias da Colección Álvarez" inicia a recuperación do patrimonio industrial de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este martes a exposición "Xoias da Colección Álvarez: Esplendor cerámico de Vigo", que do 18 de febreiro ao 18 de abril se poderá visitar na Casa das Artes. A mostra intégrana 180 pezas datadas dende a década dos 40 ata o 2001, e supón, segundo subliñou, "un primeiro paso no obxectivo de recuperar o patrimonio industrial e artístico de Vigo".

martes, 9 feb 2010
1265723468expoalvarez.jpg
Santi Domínguez destacou que este patrimonio indutrial é dos máis importantes de Europa, pero tamén un gran descoñecido para a cidadanía, "pero non podemos permitir que o siga sendo", defendeu. Neste sentido sinalou que a exposición posta en marcha dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Patrimonio Histórico se enmarca neste obxectivo. "Cremos que esta exposición vai conseguir tamén que incrementemos a nosa autoestima, porque ademais de reflexar o valor artístico reflexa asemade o que esta cidade é capaz de facer", explicou.

O tenente de alcalde explicou que "Xoias da Colección Álvarez" está formada por 180 pezas que pertencen á colección do Museo da Fábrica, propiedade do Concello. Indicou que esas pezas son unha "primeira selección" das 600 que integran a totalidade desa colección. Nos últimos meses levouse a cabo o proceso de inventariado baixo a dirección de Beatriz Liz, comisaria da mostra, e quen o tenente de alcalde felicitou polo seu traballo.

Tras a clausura da mostra, que finalizará o 18 de abril, as pezas pasarán a formar parte da colección do Museo da Cidade, e unha selección será exposta no Museo Quiñones de León, que contará cunha sección específica para o patrimonio industrial. Ao respecto, o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez sinalou que a mostra con esas pezas se abrirá cando se libere espazo no Museo de Castrelos tras a posta en marcha da pinacoteca.

"A exposición quere ser unha homenaxe a unha industria da nosa cidade que ten moito que ver coa súa historia, así como ao seu fundador, Moisés Álvarez, e aos seus traballadores", comentou Santi Domínguez. Sinalou que a pesar da forma como rematou a empresa e os problemas que aínda hoxe persisten, a mostra quere ser unha homenaxe aos traballadores e traballadoras que contribuíron a configurar un "emblema da cidade".

O tenente de alcalde felicitou tamén a José Ballesta, director do museo de Castrelos, "polo traballo que está a desenvolver dende o museo para que a cidade teña unha verdadeira oferta museística municipal". José Ballesta explicou que Moisés Álvarez, fundador do grupo, tiña unha "política empresarial pioneira e adiantada ao seu tempo". Lembrou que impulsou a construción dos primeiros fornos de porcelana da empresa no barrio de Casablanca, nos terreos nos que actualmente está instalada El Corte Inglés. Sinalou tamén que pese a que foi tachado de paternalista puxo en macha políticas de conciliación, facilitando a contratación de mulleres e subvencionando a asistencia dos seus fillos ás garderías.

A comisaria da mostra, Beatriz Liz, manifestou que o grupo Álvarez foi unha empresa "totalmente punteira", que incluso chegou ao mercado oriental exportando a Xapón e Estados Unidos. Indicou que no ano 1972 o grupo tiña 9 fábricas cun total de 5.000 traballadores e 36 establecementos de distribución en todo o Estado.
1265723468expoalvarez.jpg
1265723482copaalvarez.jpg
Descargar todas as imaxes