Escoitar

Os 200 anos de historia como cidade centran a promoción de Vigo en Fitur, co obxectivo de desestacionalizar o turismo

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, explicou hoxe que a conmemoración dos 200 anos de Vigo como cidade centrará a súa presentación de Vigo en Fitur 2010, que terá lugar o sábado, 23 de xaneiro, no espazo de Turgalicia. Asemade, o nacionalista manifestou que a promoción da cidade terá como principais obxectivos a desestacionalización a través do turismo de congresos, cultural e de lecer.

mércores, 20 xan 2010
1263995481fitur.jpg
"Para captar fluxos de turistas, é preciso estar presente en Fitur, o maior escaparate internacional de turismo", salientou Santi Domínguez. Indicou que a delegación que viaxará á Fitur estará integrada por distintos sectores profesionais relacionados cos hoteis, congresos e axencias de viaxes, entre outros, co obxectivo de que todos eles "participen e podan establecer distintos contactos profesionais na feira", sinalou.

O tenente de alcalde explicou que a presentación que se fará o sábado levará por título "200 anos da historia da cidade de Vigo" e nela se plasmarán os distintos "elementos clave" que teñen configurado á cidade, como o mar, o dinamismo, a creatividade e a puxanza. Tras esta primeira parte na que se fará referenza a historia de Vigo como cidade, a presentación se centrará no presente e nas accións que se porán en marcha neste 2010 no marco do Plan de Competitividade Turística, baseado no aspectos urbano e de ría.

A presentación de Vigo tamén incluirá o Vigo Convention Bureau. Neste sentido Santi Domínguez indicou que se falará da capacidade que ten a cidade para albergar grandes eventos internacionais, congresos e reunións de empresas, que se poden desenvolver ao longo de todo o ano. "Falaremos da capacidade e da calidade que Vigo ten en materia hoteleira", apuntou. Segundo asegurou o responsable de Turismo de Vigo, a cidade non ten "nada que envexar a outras cidades do Estado". Asemade, anunciou que no traballo por desestacionalizar o turismo, tamén se presentarán os grandes eventos internacionais que se celebrarán en Vigo ao longo deste ano. No tocante aos acontecementos deportivos mencionou a Copa do Mundo de Hípica, a Semana Náutica do Atlántico, o Forum Mundial FISU ou o Campionato do Mundo Universitario.

O tenente de alcalde dixo que tamén se falará de dúas festas de gran relevancia en Vigo, como son a Reconquista e a Festa do Marisco, "que nos últimos anos xa se ve que traen á cidade xente de fóra". Concretamente, respecto á Festa do Marisco sinalou que o 18 por cento dos seus visitantes son de fóra de Vigo, o cal ao seu xuízo amosa "os bos resultados que deu a presentación feita o ano pasado no marco de Fitur, polo que temos que seguir incidindo nelas".

Como novidade, Santi Domínguez anunciou que se aproveitará que o sábado é o día que a feira abre para o público en xeral e se realizará un sorteo de dous fins de semana para dúas persoas cos gastos pagados para asistir á festa da Reconquista. Lembrou que esta iniciativa sigue a proposta do ano pasado, cando se sortearon dous viaxes ás Illas Cíes e máis de 3.000 persoas participaron no sorteo. "Agardamos superar a afluencia de público que se achegue a coñecer o stand de Vigo en Turgalicia", manifestou.

O tenente de alcalde destacou que se están dando pasos importantes para a "vertebración do produto turístico pechado", xa que afirmou que isto é "algo que se botaba en falta". Salientou que o Vigo Convention Bureau e o Plan de Competitividade Turística son dous elementos decisivos á hora de configurar xa unha "estrutura sólida" que aposte pola desestacionalización.
Por outra banda, indicou que en Fitur tamén se fará referenza ao 2010 como Ano Xacobeo, polo que se tratará de "vender que dende Santiago a Vigo só hai un traxecto de 45 minutos". Neste sentido sinalou que dende a Concellería de Turismo se está valorando a posibilidade de promocionar a cidade de Vigo en Santiago, para que os peregrinos que cheguen a Compostela "conten con información da nosa cidade e o seu contorno".

A preguntas dos xornalistas resaltou o papel que xogará o auditorio na potenciación do turismo de congresos e convencións, polo que indicou que dende a Vigo Convention Bureau xa se está a traballar. "Non se pode esperar a que estas instalacións estean rematadas", indicou, xa que a organizacións dos congresos pechan con ano e medio de antelación as súas sedes. Porén asegurou que "hoxe por hoxe o recinto feiral do Ifevi reúne todas as condicións para albergar congresos de 2.000 a 3.000 persoas".
Descargar todas as imaxes