Escoitar

O tenente de alcalde expresa a solidariedade cos traballadores de Alfageme e insta á Xunta a asumir as súas competencias

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, manifestou este mércores a solidariedade do BNG cos traballadores e traballadoras de Alfageme e instou á Xunta de Galiza a que asuma as súas competencias. Tras a xuntanza que mantivo co comité de empresa das plantas de Vigo e Ribadumia, o tenente de alcalde anunciou asemade que o BNG "estará vixiante para evitar especulacións cos terreos de Alfageme".

mércores, 13 xan 2010
Santi Domínguez explicou que na xuntanza os representantes dos traballadores e traballadoras lle trasladaron a grave situación que están atravesando, con dous meses sen cobrar e un nivel de actividade na empresa nulo. Neste sentido o tenente de alcalde expresou a solidariedade do BNG "na defensa dos postos de traballo e o mantemento da actividade" dunha das empresas máis produtivas galegas e con marcas tan importantes como Miau. "Trátase ademais dunha emrpesa do patrimonio industrial de Vigo", salientou o nacionalista.

O tenente de alcalde salientou que a Xunta, e nomeadamente o IGAPE e a Consellería de Economía, debería asumir as súas responsabilidades para "garantir a viabilidade do proxecto empresarial e impedir a desaparición de Alfageme". Ao seu xuízo o que está en xogo "non son uns cantos postos de traballo, senón a pervivencia da totalidade do grupo". Ao respecto, subliñou que a Xunta debería implicarse na "defensa do tecido produtivo galego" en xeral e xa en particular cando se trata dun "sector emblemático para Vigo como é o conserveiro".

Asemade, Santi Domínguez lembrou que a recalificación urbanística foi levada a cabo "para preservar a actividade industrial e se mantiveran os postos de traballo", polo que avanzou que o BNG estará "moi atento" para evitar especulacións cos terreos. "O tema urbanístico é complexo, pero o BNG non vai mirar para outro lado", advertíu o tenente de alcalde. Ao respecto engadíu que o grupo municipal nacionalista velará por que calquera proxecto que utilice un espazo empresarial estea acompañado da viabilidade do proxecto urbanístico.

"Estaremos vixiantes ante calquera operación especulativa cos terreos de Alfageme. No BNG seguimos pensando, como dende hai xa dez anos, que a recalificación de Alfageme e a nova ordenación co PXOM ten que estar vinculada á continuación do proxecto empresarial, non a súa desaparición", asegurou o tenente de alcalde.