Escoitar

Expertos en oceanografía asesoran ao Concello para restaurar a praia na embocadura do Lagares

mércores, 17 abr 2002
O Concello comezou esta mañá a abrir unha nova canle na embocadura do Lagares para evitar que o río siga erosionando a praia nas proximidades das instalacións deportivas municipais. Científicos expertos en oceanografía asesoran aos técnicos municipais nestes traballos.

Os expertos atribúen a desaparición da area de Samil na zona da embocadura do Lagares a un cambio na traxectoria do río. Segundo estes especialistas é habitual que o río cambie o seu curso nesta zona condicionado polas mareas.

Para corrixir este efecto do Lagares sobre a praia, o Concello decidiu abrir unha nova canle que permita que a auga doce chegue ao mar sen alterar o areal. Os técnicos municipais e os expertos farán un seguimento desta tarefa para comprobar os seus efectos.

O Concello puxo o sucedido en coñecemento de Augas de Galicia e da Dirección de Costas, organismos que teñen competencia nesa zona litoral.