Escoitar

A Fundación Vigo Deporte concederá axudas económicas a deportistas vigueses

mércores, 17 abr 2002
imx1309.jpg
Logotipo
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, inaugurou a sede da Fundación Vigo Deporte, que abriu as súas portas nun local situado no pavillón das Travesas. Ao acto asistiron tamén representantes das entidades que co Concello forman o núcleo creador da Fundación, Caixanova, Pescanova e PSA Peugeot-Citroen.

A Fundación Vigo Deporte, promovida polo Concello para apoiar ao deporte base vigués e aos equipos de elite con poucos recursos económicos, bota a andar nesta nova sede con Antonio Araujo como xerente. O alcalde anunciou cales van ser as primeiras accións da Fundación. Entre elas citou a próxima convocatoria de bolsas para deportistas da cidade, unhas axudas económicas dirixidas a darlle facilidades aos mellores atletas vigueses para que adestren e participen en competicións.

Lois Castrillo anunciou tamén a inmediata sinatura dun convenio que permitirá facer realidade unha vella reivindicación dos equipos de base da cidade, utilizar gratuitamente as instalacións nas que adestran e compiten. Ademais, o alcalde afirmou que a Fundación distribuirá material deportivo entre os clubes de fútbol modesto de Vigo.

Castrillo confirmou que diversas empresas se sumarán proximamente á Fundación Vigo Deporte e animou a outras a seguir os seus pasos e colaborar nesta entidade que busca potenciar a práctica deportiva en Vigo.
Descargar todas as imaxes