Escoitar

Adhesión ao convenio para o cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade

martes, 16 abr 2002
Participación Cidadá impulsará, na próxima Comisión de Goberno, a adhesión do Concello de Vigo a un convenio de colaboración para a xestión do cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade. A coordinación do programa, que prevé a oferta de 45 prazas, dependerá da técnica responsable da Oficina Municipal de Voluntariado.

Participación Cidadá, Educación, Limpeza, Normalización Lingüística, Parques e Xardíns, Medio Ambiente e Xuventude son as concellerías que presentaron propostas para o cumprimento de penas en beneficio da comunidade.

O apoio ás actividades sociocomunitarias de Federacións ou Organizacións non Lucrativas, a portería do Instituto Municipal de Educación, limpeza de rúas e zonas verdes da cidade, mantemento de instalacións de Vigozoo e apoio a programas de lecer son algunhas das tarefas que os reos poderán desempeñar.

A aplicación das penas de traballo en beneficio da comunidade só poderán impoñerse en substitución doutras, en concreto, de arrestos de fin de semana ou impagos de multas cunha duración de 96 a 384 horas de traballo no caso de que a pena sexa cualificada como grave e de 16 a 96 horas no caso dunha pena leve.

A incorporación efectiva do penado ao posto de traballo realizarase trala conformidade do xuíz. O Concello de Vigo recibirá información detallada sobre o inicio do cumprimento, duración, horario e data de finalización, a fin de proceder ademais á alta e baixa na Seguridade Social.

Os reos recibirán orientación e formación específica para a execución dos traballos por conta dos responsables dos departamentos implicados. Haberá tamén supervisión, seguimento e control dos penados e das tarefas a realizar, por parte dos responsables dos distintos servicios municipais, que informarán a Oficina Municipal de Voluntariado de calquera incidencia que xurda no desenvolvemento das mesmas.

Neste convenio entre o Ministerio de Interior e a Federación Española de Municipios e Provincias xa participaron 407 concellos, cun total de 2.825 prazas ofertadas, dende a súa sinatura o 2 de abril de 1997.