Escoitar

Vigozoo triplica o número de visitantes

martes, 16 abr 2002
imx1303.jpg
Cervo do Pai David
Vigozoo aumentou no primeiro trimestre deste ano o número de visitantes respecto ao mesmo período de anos anteriores. En total, foron 16.968 persoas as que percorreron o recinto durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo, 11.000 máis que no exercicio anterior. O concelleiro delegado, Amador Fernández, confía en que esta evolución positiva de visitantes continúe segundo vaia avanzando o ano e a medida que se introduzan melloras como a creación do insectario e reptilario.

A meirande parte dos visitantes a Vigozoo no que vai de ano foron adultos, 13.200. Os rapaces que abonaron a súa entrada, maiores de 6 anos, foron 2705. Ademais, acudiron ao zoo máis dun milleiro de rapaces participando en visitas escolares programadas con guía. A meirande parte dos colexios que participaron no programa educativo posto en marcha este ano por Vigozoo son da nosa cidade, pero tamén se sumaron a esta proposta centros do Porriño, Nigrán, Santiago e Pontevedra.

Durante o primeiro trimestre do ano, o día en que Vigozoo tivo máis visitantes foi o 29 de marzo. Nesa xornada pasaron pola taquilla das instalacións da Madroa 1.833 persoas (os menores de seis anos non pagan).

O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, lembra que se continúan realizando obras de mellora en Vigozoo. Recentemente abriuse unha cafetería, continúa a construcción do peche perimetral, estanse eliminando as barreiras arquitectónicas, arranxando sendeiros e algunhas construccións singulares. Ademais, está previsto que esta mesma primavera se poida visitar o insectario e reptilario que se está a instalar dentro do recinto.



MÁIS INFORMACIÓN


Descargar todas as imaxes