Escoitar

Douscentos rapaces participan nos obradoiros de Ciberlingua

mércores, 17 abr 2002
imx1308.jpg
Aula
A concelleira de Normalización Lingüística, Carmen Martínez-Corbalán, presentou as actividades do programa Ciberlingua, que promove o uso da lingua galega mediante a utilización das novas tecnoloxías. Douscentos rapaces de ensino primario e secundario xa participaron neste obradoiro.

Cinco concellos puxeron en marcha o programa Ciberlingua, impulsado por Galego 21, para introducir ferramentas en galego destinadas á difusión e coñecemento das novas tecnoloxías na comunidade educativa. Nesta ocasión, os obradoiros impártense nunha aula con 22 ordenadores seguindo un convenio asinado con Telefónica.

Seis institutos de ensino secundario cun total de 150 rapaces e 50 nenos de primaria participan neste cursiño. A concelleira anunciou que esta iniciativa se lle proporá á Mancomunidade para promover a descentralización dos obradoiros, xa que hai centros doutros municipios que amosaron o seu interese. No mes de maio repetirase esta experiencia con rapaces doutros centros educativos.

Máis de 80 profesores e 50 pais e nais xa realizaron os obradoiros do Ciberlingua e iniciáronse no uso das ferramentas informáticas, accederon á rede, visitaron os sitios web de interese e recibiron tratamentos de contidos didácticos.

Ciberlingua é un programa innovador de dinamización lingüística no ámbito socioeducativo baseado no coñecemento e difusión do emprego de internet e dos recursos que ofrece en galego. Os contidos explicados van dende nocións básicas sobre internet e as súas posibilidades ao manexo de recursos básicos (navegadores, traductores, buscadores...) pasando polo coñecemento das ferramentas existentes en galego, dos sitios web de interese, sen esquecerse da súa aplicación no ensino.


MÁIS INFORMACIÓN

Descargar todas as imaxes