Escoitar

Benestar e Normalización organizan a Festa Multicultural, que se celebrará o sábado nas prazas de O Progreso e O Berbés

As prazas de O Berbés e O Progreso acollerán o vindeiro sábado, 14 de novembro, unha Festa Multicultural, a primeira actividade do programa "En galego tamén noutros mundos", segundo anunciaron este martes as concelleiras de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, e Benestar Social, María Méndez. O obxectivo desta iniciativa, segundo salientaron as concelleiras, é fomentar a integración da poboación inmigrante que vén de diferentes países e con distintas linguas, ao tempo que se lles dá a coñecer a existencia do galego.

martes, 10 nov 2009
1257860599multicultural.jpg
A concelleira de Normalización Lingüísitica, Iolanda Veloso, salientou que o programa que comezará o sábado permitirá o "recoñecemento da riqueza cultural" e será unha "axuda" para a integración das persoas inmigrantes. Asemade, destacou a importancia de que o galego sexa percibido pola poboación inmigrante como un "elemento positivo e de achegamento". Neste sentido, indicou que segundo percibe o servizo de Normalización Lingüística "a maioría da poboación inmigrante ten unha actitude positiva sobre a nosa lingua", xa que teñen fillos escolarizados na nosa cidade e reciben parte do ensino en galego.

"Estas persoas precisan espazos lúdicos de comunicación en galego, máis alá dos cursos, e nós queremos facilitarllos", salientou a edil do BNG. Ao respecto, sinalou tamén a importancia de que este programa, que se estenderá ata o mes de xullo, "sirva para fomentar o intercambio cultural".

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, afirmou que precisamente a multiculturalidade é un dos eixos principais de actuación do seu departamento, que se concretará na posta en marcha do primeiro Plan de Inmigración do Concello de Vigo. "Pensamos que a festa Multicultural é unha boa forma de comezar o programa En galego tamén noutros mundos", manifestou. Respecto ao programa que se desenvolverá o sábado, destacou a importancia do aspecto gastronómico, xa que de 10 a 12 horas, as asociacións participantes na festa mercarán os produtos que necesiten para elaborar as súas receitas no mercado do Progreso. De 12 a 14 horas terá lugar a cociña dos pratos, que poderán ser degustados gratuitamente de 14 a 16 horas.

De 16 a 19.30 horas terán lugar diversas actividades na praza do Progreso, como un obradoiro de caligrafía árabe, cociña para nenos e nenas con degustación de zumes, contacontos mexicano, xogos tradicionais galegos e baile. Ás 19.30 horas un pasarrúas amenizará o Casco Vello e ás 20 horas celebrarase a lectura do pregón na praza do Berbés, que dará paso a un magosto e diversas actuacións musicais.

"Preténdese que a cidadanía viguesa participe nas actividades que desenvolverán os inmigrantes e que as persoas inmigrantes participen a súa vez no magosto que terá lugar na praza do Berbés", sinalou María Méndez. A concelleira de Benestar Social indicou asemade que na organización deste evento participarán entidades como a Asociación Multicultural de Mulleres, a Asociación de Rumanos, a Asociación Al Bidaya (para a difusión da cultura árabe), Madres Latinas, a Asociación de Peruanos en Galicia, a Asociación Cultural e Arte Peruano Macchu Pichu, a Asociación Cultural Chiribaya ILO Perú, a Asociación de Uruguayos por el mundo, a Asociación de Ghana, e a Asociación Veciñal Casco Vello. A todas estas asociacións as concelleiras de BNG agradeceron a súa colaboración e convidaron a cidadanía a participar na proposta.
Descargar todas as imaxes