Escoitar

Xesus López afirma que "MoveVigo Magosto 2009" potencia a cultura "feita por e para os vigueses e viguesas"

O concelleiro de Cultura, Xesus López, salientou este luns que o programa "MoveVigo Magosto 2009" potencia a cultura "feita por e para os vigueses e viguesas". Na presentación da programación, xunto ao vogal de Cultura da Federación de Veciños, Xosé Couñago, o edil explicou que un total de 113 actividades relacionadas coa castaña se desenvolverán nos diferentes barrios e parroquias de Vigo ata o vindeiro 29 de novembro.

luns, 9 nov 2009
1257775984magosto09.jpg
"A Concellería de Cultura estará cada ano detrás desta programación, apoiándoa", destacou Xesus López. Neste sentido, lembrou que a programación que MoveVigo desenvolve no mes de novembro forma parte do convenio que o seu departamento e a Tenencia de Alcaldía teñen asinado coa Federación Veciñal, para potenciar as actividades das asociacións veciñais da cidade. Un total de 26 entidades organizarán 25 magostos co obxectivo de que os barrios se convirtan en punto de encontro e nun espazo para coñecer e recuperar as tradicións máis arraigadas na nosa cultura.

Nesta edición de MoveVigo Magosto 2009 será a segunda fin de semana de novembro a que concentre o maior número de magostos. O venres 13 a festa chegará a Sampaio, Lavadores, Travesía de Vigo e a Salgueira e o sábado 14 as asociacións de A Miñoca, Comesaña, San Roque, Fonte do Galo, Camiño Vello de Coia, San Xoán Poulo, Saiáns, Beade, Candeán, Zamáns, San Miguel de Oia, Castrelos, Sárdoma e Cabral celebrarán magostos nos que non faltarán as castañas acompañadas da música e do baile tradicional, dos concertos de bandas de música, corais e actividades para os cativos. Tamén o domingo 15 de novembro a asociación "Rúas de Fontes" de Parada-Maceiriña organizará un magosto.

Logo desta intensa fin de semana os magostos do venres 21 en O Freixo e o sábado 22 na zona do Castro organizado pola A.V. "Dr. Fleming" marcarán o final destas celebracións, aínda que a programación de MoveVigo continuará ata fin de mes con diferentes actividades que terán lugar en Cabral, Castrelos, Beade, Valadares, Comesaña e San Miguel de Oia. Ademáis da posta en valor das festas e tradicións, o programa oferta unha ampla oferta lúdica e cultural que inclúe representacións teatrais, exhibicións de baile, deportivas, obradoiros e proxeccións audiovisuais.

"Queremos que este mes de novembro sexa especial para todas as familias de Vigo", salientou o vogal de Cultura da Federación Veciñal "Eduardo Chao", Xosé Couñago. Explicou que nos 25 magostos que se celebrarán ao longo do mes se consumirán máis de 2,5 toneladas de castañas, o cal servirá para "devolver o sentido antropolóxico a esta festa".
Descargar todas as imaxes