Escoitar

Santi Domínguez inaugura as dúas primeiras rúas da zona alta do Casco Vello, exemplo da recuperción do barrio

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este venres a remodelación das dúas primeiras rúas da parte alta do Casco Vello, Abeleira Menéndez e Cruz Verde. No acto, o tenente de alcalde asegurou que son "exemplo do que estamos facendo no Casco Vello" para a súa recuperación. Adiantou que para avanzar nesta rehabilitación nos orzamentos de 2010 figuran actuacións no barrio histórico da cidade por un importe superior aos 6 millóns de euros, referidas a nova pinacoteca, ao Centro Galego de Fotografía e a remodelación de máis rúas.

venres, 6 nov 2009
1257517218abeleira.jpg
"Quenes hai tempo que non pasan por aquí, daranse conta de que a transformación se refire tanto ao entramado viario como a rehabilitación dos edificios", salientou Santi Domínguez. Neste sentido especificou que nestas dúas rúas hai xa dous inmobles totalmente rehabilitados e cinco en proceso de acondicionamento. No acto, no que tamén estiveron presentes concelleiros e concelleiras da corporación municipal e responsables das asociacións veciñais e comerciais da diversas zonas da cidade, o tenente de alcalde destacou que a rehabilitación do Casco Vello que se quere levar a cabo é tamén unha "recuperación social".

Respecto a esta recuperación, o tenente de alcalde salientou diversos aspectos. Por unha banda afirmou que esta foi a primeira semana de traballo da brigada de intervención do Casco Vello, "para que o mantemento das rúas sexa o máis rápido posible". Asemade, destacou o papel que terá a futura pinacoteca na recuperación do barrio. Ao seu xuízo, ademais de dar resposta ás necesidades culturais da cidade, a nova pinacoteca "será un elemento dinamizador da zona". A creación de postos de traballo e a contribución a incrementar a afluenza de visitantes para ver os fondos do museo de Castrelos son dous dos elementos destacados por Santi Domínguez neste sentido, así como a unión da parte alta e baixa do Casco Vello a través da actuación que se está levando a cabo na Porta do Sol.

A reforma de Abeleira Menéndez supuxo a actuación en máis de 836 metros cadrados, cun investimento superior aos 237.000 euros. Ademais da renovación do pavimento, a remodelación inclúe o novo alumeado, de xeito que se da "cumprimento a unha vella demanda dos veciños e veciñas", apuntou o nacionalista. O tenente de alcalde explicou que se intalaron 15 novas luminarias que proporcionan o dobre de alumeado e supoñen un aforro enerxético do 50%. Afirmou tamén que o traballo polo incremento da calidade de vida da veciñanza se reflicte na instalación do sistema de saneamento e a renovación das tuberías de abastecemento de auga, que incrementará a súa capacidade. Santi Domínguez sinalou que igualmente se incorporou o suministro de gas e as liñas de comunicación.

"Ese camiño que o Goberno municipal iniciou hai algo máis de dous anos vai rematar cun Casco Vello absolutamente renovado no social e no seu aspecto máis físico", destacou. Neste sentido, e en resposta aos medios sobre a erradicación da prostitución mediante a expulsión das prostitutas do barrio, o tenente de alcalde subliñou que o Concello de Vigo "non expulsa a ninguén, todo o contrario, queremos a integración de todos". Engadiu que a Concellería de Benestar Social está traballando na elaboración dun plan de actuacións para favorecer a súa integración.
Descargar todas as imaxes