Escoitar

O alcalde destaca a referencia do Marco no panorama de arte e cultura dentro e fora de Galicia

No salón de actos do MARCO de Vigo celeberouse o luns, día 9, unha conferencia de prensa para presentación da FESTA 7º ANIVERSARIO do MARCO, que terá lugar durante a fin de semana do 13, 14 e 15 de novembro. Nesta presentación participaron o alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO, Abel Caballero Álvarez, e o director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo.

martes, 10 nov 2009
1257853833002.jpg
O alcalde de Vigo quixo salientar o labor desenvolvido dende o MARCO nestes sete anos, nos que se ten convertido en centro de referencia no panorama da arte e a cultura contemporánea dentro e fóra de Galicia. Tamén destacou o compromiso adquirido por todas as institucións que conforman a Fundación MARCO —Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Caixanova e Ministerio de Cultura— que continuarán apoiando o proxecto a través do seu financiamento e da presenza dos seus representantes no Padroado da Fundación MARCO.

Pola súa banda, Iñaki Martínez Antelo, ademais de presentar a programación de actividades que terán lugar durante a vindeira fin de semana fixo un balance do percorrido do MARCO durante estes sete anos, nos que se levaron a cabo 64 exposicións, moitas delas de produción propia, e nos que máis de 500.000 visitantes pasaron polo museo para visitar as mostras, ou asistir a actividades como conferencias, xornadas, cursos, talleres, concertos, ademais do éxito e implantación do programa educativo. Subliñou tamén ás liñas de colaboración establecidas con outras institucións, especialmente no que atinxe á coprodución de exposicións, que continuará nos vindeiros anos, fortalecendo redes de traballo que permitan cumprir obxectivos, compartir recursos, e acadar máis visibilidade.

Finalizou adicando o aniversario a todo o equipo do MARCO, e tamén ás persoas que pasaron polo museo temporalmente nestes sete anos, como persoal en prácticas, bolseiros e persoal de salas. Para moitos deles foi a súa primeira experiencia laboral, e dende o museo se continuará contribuíndo á formación de profesionais na xestión cultural, sen dúbida un sector en auxe. Precisamente en relación co traballo dos novos profesionais, salientou a excelente resposta á convocatoria do Premio para Novos Comisarios, que nesta edición se realiza conxuntamente co FRAC Lorraine (Metz, Francia), e para o que se teñen recibido un total de 118 candidaturas.
Descargar todas as imaxes