Escoitar

Inicio de seis novas humanizacións nos próximos quince días

Abel Caballero sinalou que trátanse das rúas Vilagarcía de Arousa, Paulino Freire, Extremadura e novos tramos da Avenida de Portanet, Simón Bolívar e Sanjurjo Badía. Os traballos comezarán entre mañá 5 de novembro e o 18 deste mes. A Xunta de Goberno Local validou as adxudicacións definitivas e os plans de seguridade e saúde das melloras, que suman 2,3 millóns de euros de investimento, segundo afirmou o alcalde.

mércores, 4 nov 2009
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou o inicio dos traballos de seis novas humanizacións nas próximas dúas semanas. Entre mañá día 5 e o 18 de novembro comezarán as melloras de Vilagarcía de Arousa, Paulino Freire, Extremadura e novos tramos de Avenida de Portanet, Simón Bolívar e Sanjurjo Badía.

Así o informou o alcalde despois da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe mércores, que validou as adxudicacións definitivas das cinco primeiras rúas por valor de 2,3 millóns de euros -con cargo aos orzamentos municipais de 2009-. Abel Caballero explicou que nestas humanizacións traballarán 21 persoas procedentes das listas do INEM de Vigo, xa que os proxectos municipais incorporaron o factor de emprego do Plan E do Goberno de España, que prioriza a creación de postos de traballo da cidade.

Segundo detallou o rexedor vigués, mañá iniciaranse os traballos en Paulino Freire, o día 10 comezarán Vilagarcía de Arousa e Sanjurjo Badía (entre Pedro Alvarado e Bos Aires), o 12 de novembro chégalle o turno do inicio da Avenida de Portanet, e o 18 de novemebro tócalle a Extremadura e Simón Bolívar (entre Venezuela e a Praza Elíptica). Abel Caballero adiantou que para entón unha gran parte das obras en marcha do Plan E, que non todas, estarán rematadas, e as humanizacións de orzamentos municipais tomaranlle o relevo.

Abel Caballero recordou asemade que o goberno local está xa no proceso de definición dos proxectos municipais que serán incluidos no segundo Fondo Estatal de Investimento Local do Goberno de España para 2010 -xa aprobado- e nos propios orzamentos do Concello para o vindeiro ano.

Bembrive
A Xunta de Goberno Local, tal e como indicou o alcalde, tamén deu hoxe o seu visto bó á contratación das obras de reforma no Camiño da Cruz e na rúa do Carballal, na parroquia viguesa de Bembrive.

A inversión destas actuacións suma 367.000 euros e supón o inicio dos proxectos elaborados polo goberno local destinados á mellora das parroquias de Vigo, con fondos procedentes da ampliación orzamentaria de 2009.