Escoitar

Benestar Social pon en marcha programas para previr o consumo de drogas que chegan xa a 7.400 escolares

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este martes as novidades do seu departamento sobre a prevención das drogadiccións, que coordina o Plan Local de Drogodepedencias e outras adiccións (PLDS). A edil salientou o incremento dos programas educativos que se desenvolven nos centros escolares da cidade, nos que están participando na actualidade 7.401 alumnos e alumnas, e tamén a posta en marcha da web podemosprevir.org.

martes, 3 nov 2009
1257258849prevencion.jpg
No acto, no que tamén participou o director de Cedro, Fran Otero, e a técnica do Concello Pilar Domínguez, a concelleira sinalou que a prevención é unha das medidas que se ten demostrado máis efectivas e, por iso, "é unha prioridade" para o seu departamento. María Méndez desglosou os oito programas que se están desenvolvendo na actualidade, indicando o forte incremento que se ten producido no número de centros e participantes.

No ámbito escolar falou en primeiro lugar do programa "Saúde na escola", dirixido a escolares de 5 a 18 anos e que ten por obxectivo "promover a adopción de estilos de vida saudables". No curso 2008-2009 participaron 5 colexios, mentres que no actual 2009-2010, que se acaba de poñer en marcha, xa son 10 os centros de ensino participantes e 1.341, o cal supón un incremento do 71% respecto ao curso pasado.

María Méndez fixo referenza tamén ao programa "Cinensino", dirixido ao alumnado de 1º e 2º de ESO, que tamén ten como obxectivo a adopción de habitos saudables pero utilizando o cine para acadalo, así como a reducción do impacto de determianados factores de risco asociados ao consumo de drogas. O número de colexios participantes nesta iniciativa é de 24, cun total de 1.620 alumnos ata o momento. Outro programa desenvolvido no ámbito escolar é "Non pasa nada, pasa algo?", destinado aos alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato para evitar a consolidación do consumo de drogas e potenciar hábitos saudables. Lévase a cabo en colaboración con Madro, Érguete e Alborada. O número de centros participantes pasou de 32 no curso 2008-2009 a 41 no actual e de usuarios e usuarias de 1.998 a 4.300, o cal implica un aumento do 115%.

O seguinte programa ao que fixo referenza a concelleira de Benestar Social é "Odisea", dirixido ao alumnado dos cursos denominados de Garantía Social, para evitar o consumo de drogas. No curso 2008-2009, dos 13 centros que imparten estes curso so participou un deles, mentres que no curso actual son 5 os que o imparten, pasando así de 57 a 180 usuarios.

Respecto aos catro programas do ámbito familiar, María Méndez comezou falando da iniciativa "Máis que un teito", dirixido ás familias con fillos de 5 a 18 anos. Segundo explicou a edil nacionalista, ten por obxectivo facilitar as ferramentas precisas para que "pais e nais melloren a comunicación cos seus fillos e melloren as súas actitudes educativas e preventivas". No curso 2008-2009 participaron 285 usuarios e usuarias e no curso actual 480. O segundo programa familiar do que falou a concelleira de Benestar Social é a nova iniciativa "Na familia todos contan", destinada a familias en situación de risco en relación ás drogas. Participan 6 centros de ensino e 120 usuarios e usuarias.

María Méndez fixo referenza tamén a outra novidade, "unha experiencia piloto", que é o programa "Eu son eu", dirixida ao alumnado de 6º de primaria. Salientou que ten por obxectivo "fomentar o traballo persoal para que os nenos e nenas adquiran ferramentas coas que afrontar a presión do grupo". De momento so participa un centro de ensino, con 50 usuarios e usuarias. Finalmente, explicou o novo programa "Entre todos", dirixido a familias con fillos e fillas adolescentes consumidores de drogas. Desenvólvese en colaboración con Érguete e Madro, e participan 30 centros de ensino e 930 usuarios e usuarias. "Todos estes programas non serían posible sen a axuda das asociacións do Plan Local como Érguete, Alborada e Madro", destacou a concelleira de Benestar Social.

Respecto a web podemosprevir.org, María Méndez explicou que xa foi presentada nos centros educativos e acadou unha "espléndida acollida". A web ofrece información sobre os diferentes programas educativos de prevención existentes, tanto dirixidos ao ámbito familiar como ao ámbito escolar, os seus destinatarios, as accións e os obxectivos que buscan. Asemade, facilita os números de teléfono aos que se pode chamar para transmitir en que programas se quere participar.

María Méndez destacou a consolidación do equipo de prevención do Plan Local, coa incorporación de dúas funcionarias e o incremento do 7,6% da achega que fai o Concello ao seu orzamento. Neste sentido apuntou que dos 172.000 euros de financiamento, 112.000 euros proceden da Consellería de Sanidade, mentres que a Concellería de Benestar Socail achega os 60.000 euros restantes.

María Méndez expresou tamén a súa preocupación polo cambio da estrutura da Consellería de Sanidade, de xeito que agora o Plan Local de Drogodependencias "depende de dúas direccións diferentes e non de unha como no goberno anterior". Sinalou estar "aínda esperando resposta á carta enviada á actual conselleira de Sanidade".

En resposta aos medios, e respecto á eficacia dos plans de prevención o director de Cedro, Fran Otero, subliñou que segundo os expertos esa efectividade depende "do seu desenvolvemento no tempo". Explicou que se trata de que a oferta "chegue a maior parte dos centros educativos e que se consoliden".
Descargar todas as imaxes