Escoitar

Eudosio Álvarez indica que o cuarto Seminario Galego de Etnografía afondará no "ser común" de Galiza e Portugal

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, destacou este luns que a cuarta edición do Seminario Galego de Etnografía" que se celebrará os días 7, 13, 14, 21 e 28 de novembro no Museo do Mar afondará no "ser común" de Galiza e Portugal. O número de prazas para participar no seminario é de 100, das que 50 están reservadas para estudiantes universitarios e o prazo de inscrición remata o día 5 de novembro.

luns, 2 nov 2009
1257169089seminariocat.jpg
Baixo o título "Galegos e portugueses. Miradas antropolóxicas cruzadas", oito antropólogos galegos e portugueses desenvolverán unhas xornadas "suficientemente significativas do que queremos que sexa o diálogo permanente entre as dúas comunidades", explicou o concelleiro nacionalista. Eudosio Álvarez indicou que o primeiro relatorio do 7 de novembro, ás 10 horas e a cargo da profesora dea Universidade Nova de Lisboa, Paula Gondinho, se centrará nas "Relacións transfronteirizas entre Portugal e Galiza". O segundo, ás 12.15 horas, será impartido pola profesora da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Luzía Oca, quen falará das "Novas identidades culturais na Galiza. O caso dos caboverdianos da Mariña lucense".

As actividades do 13 de novembro, que terán lugar excepcionalmente nas instalacións do CAT, inclúen ás 16.30 horas o obradoiro "Cen anos de oficio nun cesteiro de orixe portugués", que correrá a cargo do cesteiro e coordinador do programa de cestería do CAT, Antonio Suárez; ás 18.45 horas terá lugar o relatorio "A colección de oficios tradicionais do CAT", que será impartido pola técnica de dinamización cultural do CAT, Andrea Alonso.

O concelleiro de Patrimonio Histórico indicou que os relatorios correspondentes ao 14 de novembro serán unha "aproximación á historia urbana". Así, o primeiro deles, "Historia de dúas cidades: a memoria social na Galicia urbana", terá lugar ás 10 horas e será impartido polo profesor da Universidade de A Coruña, José María Cardesín; mentres que o segundo, ás 12:15 horas, correrá a cargo do profesor da ISCTE de Lisboa, Antonio Medeiros, leva por título "Que caminhos corre a cultura?".

Respecto as seguintes xornadas do 21 e 28 de novembro, Eudosio Álvarez salientou que farán referenza aos distintos aspectos de relacións da poboación, territorio e mobilidade. O primeiro relatorio do 21 de novembro, ás 10 horas e impartido polo profesor da Universidade de A Coruña, Henrique Alonso, se centrará no "Envellecemento poboacional, flexibilización familiar e regulación pesqueira". O segundo, ás 12:15 horas e a cargo do profesor da Universidade Fernando Pessoa, Paulo Castro, analizará o "Urbanismo e globalización no noroeste peninsular. Para além do urbanismo difuso".

O 28 de novembro, ás 10 horas, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Nieves Herrero, explicará a "Patrimonialización e mobilidade posmoderna: a reconfiguración da peregrinación xacobea". Finalmente, ás 12:45 horas, o profesor da Universidade do Minho Jean Yves Durand pechará o seminario co relatorio "Näo son gigantes... mas säo muitos. A multiplicaçäo das iniciativas da preservaçäo dos moinhos vista no ámbito da questäo do património".

"E un pracer coordinar este ciclo de conferencias coa Concellería de Patrimonio Histórico e o CAT", manifestou Xerardo Pereiro, coordinador do programa. Na súa intervención destacou que se trata dunha "proposta innovadora e suficientemente atractiva sobre a antropoloxía".

O responsable do CAT, Manuel Estévez, sinalou que para inscribirse é preciso cubrir un boletín e remitilo ao Centro de Artesanía Tradicional de Vigo, ubicado na rúa Subida ao Castelo, 10 (36202 Vigo), por fax ao número 986 224 003, ou a través da web www.vigo.org/artesania.
Descargar todas as imaxes