Escoitar

O Casco Vello terá unha brigada de mantemento

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres que o Casco Vello contarán cunha brigada propia de mantemento dende a vindeira semana. Na inauguración da reforma das rúas Xoaquín Yáñez, Fermín Penzol e Ballesta, que tivo lugar esta mañá e na que participaron concelleiros da corporación e responsables das asociacións veciñais e comerciais, o tenente de alcalde asegurou que esta brigada terá o cometido de dar solución no menor tempo posible "ás pequenas cousas que reclama a veciñanza".

venres, 30 out 2009
1256912197ballesta.jpg
O tenente de alcalde destacou o traballo que se está a levar a cabo na recuperación da "intensidade e o dinamismo" do Casco Vello e afirmou que "hoxe xa se pode vir e pasear" polo barrio e comprobar a transformación que está a experimentar. O obxectivo, segundo o nacionalista, consiste en "completar o puzzle que rematará coa reconquista do Casco Vello para a veciñanza de Vigo". Neste sentido, afirmou que existen un "claro compromiso do goberno para reconquistar o Casco Vello para a cidadanía".

Santi Domínguez explicou que a remodelación das rúas Xoaquín Yáñez, Fermín Penzol e Ballesta contou cun investimento total de 640.000 euros. "Non só estamos renovando o que se ve, como o pavimento, senón tamén o que non se ve", explicou o tenente de alcalde. Neste sentido sinalou que se mellorou o sistema de saneamento e suministro de auga, coa renovación das tuberías e a incorporación de melloras que farán incrementar a presión da rede. Tamén se levou a cabo o soterramento das liñas de comunicación así como a mellora do alumeado, coa instalación de puntos de luz que alumean o triple que as anteriores e consumen a metade. Deste xeito, "ademais de quedar bonito "tamén mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas", afirmou.

"En total serán 19 as rúas que quedarán absolutamente renovadas e humanizadas non só para o disfrute e paseo da veciñanza do Casco Vello, senón de todo Vigo", salientou o tenente de alcalde. Segundo afirmou, a renovación das rúas súmase ás diversas actuacións que se están levando a cabo no Casco Vello, como son o impulso á pinacoteca da cidade, o centro fotográfico, o sistema de transporte para o barrio e a posibilidade de elaborar un circuito público e gratuito de bicicletas no Casco Vello.
Descargar todas as imaxes