Escoitar

O tenente de alcalde di que é "unha frivolidade" a indefinición de Xunta e Estado sobre a nova depuradora

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, reclamou hoxe que o Goberno do Estado e a Xunta deixen a un lado os intereses partidistas e acaden un acordo que permita desbloquear a construción da depuradora de augas residuais de Vigo. Salientou que "hai dúas administracións responsables", que non poden seguir "mareando" sobre unha cuestión vital para o futuro da cidade e nomeadamente da súa Ría.

mércores, 8 xul 2009
1247054903roldadepuradora.jpg
O concelleiro instou a que se busquen fórmulas que permitan investir xa os 112 millóns de euros que ten consignados nos orzamentos do Estado para evitar que se perdan e, paralelamente, se obrigue á Xunta a cumprir os compromisos adquiridos.

O tenente de alcalde di que os novos responsables da Xunta non poden seguir escudándose en que "non hai cartos, porque para o que eles queren ben que lles aparecen". O tenente de alcalde cre que a realidade é que depuradora é un exemplo máis da "incertidume" que o novo goberno da Xunta mantén sobre os grandes proxectos pendentes na cidade de Vigo. Lembrou que en relación ao novo hospital se descoñece cando se van iniciar as obras, cal vai a ser o sistema de financiación ou o modelo polo que se vai a postar. Do mesmo xeito, dixo que tampouco sobre o AVE hai certezas de como se vai financiar, ao tempo que criticou que a Xunta dea por bo o retraso na súa execución. "Agora coa depuradora unha vez máis se están tirando as pelotas dun tellado ao outro, entre a Xunta e o Goberno, mentres a cidade segue coa espada de Damocles da sanción da Unión Europea", dixo.

Santi Domínguez salientou que si no 2011 non se garante o saneamento integral da Ría a UE fará efectiva a multa de 20 millóns de euros que agora está en suspenso á espera da cconstrución da depuradora. O nacionalista considera "unha frivolidade", "unha insensatez" e "un insulto á cidadanía" que se estea xogando "co ben máis preciado que temos nesta cidade que é a nosa Ria", mentras as dúas administracións implicadas están enfrentadas sobre cuestións como a financiación ou sobre quen ten que facer as expropiacións.

Fronte a esta indefinición de Xunta e Estado, explicou que desde o BNG "entendemos que non se pode xogar coas infraestruturas básicas" e por iso a través da deputada no Congreso e dos deputados no Parlamento galego se teñen presentado iniciativas para esixir respostar e compromisos claro a ámbalas dúas administracións sobre o proxecto da depuradora. Así, sinalou que Olaia Fernández Davila tense dirixido ao Goberno para que explique a que se deben os retrasos na construción, cando se prevé asinar o convenio coa Xunta e cal é realmente o compromiso do goberno con esta infraestrutura. Do mesmo xeito os deputados nacionalistas presentaron unha proposición non de lei no Parlamento galego instando á Xunta a que asuma os compromisos orzamentarios plurianuais necesarios para poder construir a estación depuradora no tempo comprometido coa Unión Europea "ao obxecto de evitar a multa e non influír no deterioro da calidade das augas de Ría de Vigo".

"Por responsabilidade non podemos permitir que con temas tan importantes para a cidade os dous partidos estatais estén dando ás costas á cidade, Non permitiremos que por xogos partitistas Vigo non poda ver con claridade o futuro das súas infraestruturas", afirmou o tenente de alcalde. A este respecto engadiu que para outras cidades do Estado "aparecen os cartos, hai financiación, se licitan os proxectos en tempo récord, pero en Galiza e en Vigo todo son complicacións".

O nacionalista indicou que, en todo caso, se hai problemas de financiación tanto a Xunta como o Goberno do Estado contan con organismos como a Autoridade Portuaria ou a Zona Franca que poderían colaborar no investimento, xa que nos dous casos son directamente beneficiarios dos recursos que ofrece a Ría.

"Enchésenos a boca cando vemos aos grandes trasatlánticos no noso Porto, estamos encantados de que veñen turistas e a presidenta da Autoridade Portuaria faise fotos presumindo. A min paréceme ben, pero nos esquecemos de que se non hai saneamento estaremos matando á galiña dos ovos de ouro que é a nosa Ría", sinalou. Santi Domínguez mantén que se non conseguimos saneala toda esa actividade turística que se xera grazas á ría vai retroceder e ante ese panorama Corina Porro debe reclamar diante do seu partido un compromiso firme coa depuradora. Quixo lembrar que a situación actual é consecuencia dos problemas da actual depuradora que foi construida por un goberno do Partido Popular.

Do mesmo xeito, entende que Zona Franca pode colaborar "xa que se ten aproveitado da Ría. Aí están os terreos gañados ao mar para ampliar as súas instalacións". O tenente de alcalde indicou que o Consorcio ten apoiado a construción de diferentes infraestruturas na cidade e o Estado debería buscar algún modo para que colaborara coa depuradora.
Descargar todas as imaxes