Escoitar

O Museo de Arte Contemporánea contará con máis de dez mil metros cadrados adicados á cultura

luns, 19 nov 2001
imx806.jpg
Basso, Príncipe, Villarino e Portolés
O 23 de outubro do próximo ano é a data prevista para a inauguración do Museo de Arte Contemporánea, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, no transcurso dunha visita ás obras do Museo.

O concelleiro salientou que o Museo vai significar un cambio histórico para a cidade provocando unha nova dinámica e servirá como punto de referencia cultural en Galicia.

A directora do Museo, Carlota Álvarez Basso, explicou as características do edificio que disporá de máis de 10.007 m2 adicados a actividades culturais repartidos en catro plantas, dous baixo-teitos na última planta que albergarán dúas salas independentes e un edificio anexo.

A planta soto de 2.960 m2 estará destinada a servicios técnicos. A planta principal de 3.481 m2 albergará os servicios de libre acceso como cafetería, tenda, librería, zona de atención ó publico e salón de actos. Nesta planta destínanse 1.833 m2 a salas de exposicións.

Na planta primeira de 2.411 m2 estarán ubicadas salas de exposicións, un centro de documentación e unha sala de obradoiros pedagóxicos. A planta segunda está destinada a oficinas de persoal. O edificio anexo de 143 m2 servirá para mostras e exposicións puntuais.

Os arquitectos do Museo da Arte Contemporánea son Salvador Fraga, Javier García-Quijada e Manuel Portolés que colaboran dende 1985, traballando tanto no ámbito da obra privada como na pública. No proxecto e dirección as obras do Museo contouse coa colaboración da enxeñería Ibinco SL e os arquitectos técnicos Manuel Cuquejo, Ramiro Fraga e Julio Millara.

Descargar todas as imaxes