Escoitar

Ana Gandón presenta unha campaña de sensibilización contra os malos tratos ás mulleres

luns, 19 nov 2001
imx804.jpg
A Concellería de Muller, con motivo da celebración o 25 de novembro do Día internacional contra os malos tratos ás mulleres, desenvolve unha campaña de sensibilización destinada a informar dos recursos especializados existentes en Vigo e a dar a coñecer a dimensión social do problema.

A concelleira Ana Gandón explicou que esta campaña, cos lemas ”Quedarás só” e ”O Concello mira por ti”, busca a difusión dos recursos existentes na procura dunha maior implicación social coa idea de propiciar un cambio nas actitudes da poboación.

A cartelería exhibirase no transporte público de viaxeiros, dependencias do Concello, Xunta de Galicia, Universidade, vocalías da muller, servicios sociais, hospitais, centros de saúde e xulgados, entre outros, co obxectivo de chegar a distintos sectores da sociedade.

Instalaranse tamén expositores que conterán seis modelos de folletos dos servicios especializados para as mulleres víctimas da violencia. Punto Informa, Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller, Servicio de Atención Domiciliaria á Infancia, Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos, Casa de Acollida de mulleres maltratadas e mailo teléfono 24 son os títulos dos contidos informativos destes programas.

Para finalizar a campaña celebrarase en Vigo, o 14 e 15 de decembro, o ”Congreso de intercambio de boas prácticas-Programas institucionais de intervención e apoio ás mulleres víctimas da violencia”. Participarán a directora xeral da Muller da Comunidade Valenciana, a presidenta do Instituto da Muller de Cataluña, unha representante dos colexios de avogados que puxo en marcha un protocolo de actuación entre as administracións do País Vasco e unha representante do Servicio Galego de Igualdade.

Descargar todas as imaxes