Escoitar

Castrelos acada un récord de público ao recibir xa preto de 3.000 visitantes a exposición da Reconquista

A exposición "Reconquista: 1809-2009", aberta no Pazo Museo Quiñones de León, o pasado día 6 de marzo, recibiu en doce días a 2.734 visitantes, deles, uns catrocentos son escolares en visitas programadas. A mostra convértese así, na exposición maís visitada, das celebradas en Castrelos, e récord absoluto de visitantes ao pazo museo, nese prazo de tempo.

mércores, 18 mar 2009
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, valorou moi positivamente o éxito de público que está rexistrando a exposición e o interese que ten espertado entre a cidadanía de Vigo, pero tamén sinalou que é moita a xente de fóra que se ten achegado á exposición. A afluencia de público é numerosa, principalmente de municipios limítrofes e cidades como Pontevedra, Santiago e Ourense.

"Estamos moi satisfeitos da resposta que está a ter a mostra e pensamos que o fluxo de visitantes intensificarase de aquí a final de mes", sinalou o nacionalistas. O fetio de estar diante dunha longa ponte, fai pensar aos responsables do museo que haberá unha importante afluencia de familias, nesta fin de semana.

Nestes doce días, uns catrocentos escolares, a un ritmo de 60 diarios, visitaron a exposición que conta, nestes casos, cunha guía que, ataviada de época, lles explica aos escolares as diferentes seccións. Ata fin da mostra, que pechará as súas portas o 30 de marzo, uns 1.200 escolares de Vigo visitarán esta exposición, segundo as solicitudes recibidas. Debido ao interese dos centros escolares foi preciso ampliar o número de días que estaban previstos para estas visitas e poder así dar resposta a todas as solicitudes.

A exposición "Reconquista: 1809-2009" é a de maiores dimensións das organizadas no Museo de Castrelos na súa historia. Ocupa as dúas plantas do Pazo Quiñones de León, ademais das salas do novo anexo. O número total de pezas cedidas para a exposición supera os dous centenares: Armas, uniformes, miniaturas, dioramas, montaxes audiovisuais, documentos... A exposición amosa un amplo catálogo de pezas para narrar a historia da Reconquista de Vigo, no marco das guerras napoleónicas.

A mostra conta con pezas cedidas temporalmente polo Museo Naval de Madrid, Museo Militar, Museo Militar Rexional de A Coruña, Arquivo Histórico Nacional, Museo Diocesano de Tui e Biblioteca Británica. Ademais conta con elementos de coleccións privadas como as de Manuel Arenas, Díaz Galeote o The Royal Green Jackets.

A exposición, que organiza a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura, contou coa colaboración do Ministerio de Defensa, Ministerio de Cultura e o Bispado de Tui-Vigo, entre outras institucións. A entrada a mostra, que pechará o vindeiro 30 de marzo, é de balde.