Escoitar

O tenente de alcalde comproba o resultado satisfactorio da primeira fase da reforma do mercado do Calvario

O tenente de alcalde e concelleiro de Comercio, Santi Domínguez, visitou este mércores o mercado do Calvario co obxectivo de avaliar o resultado da primeira fase da reforma desta instalación municipal, que cualificou de "satisfactoria" e contou cun investimento de 58.000 euros. O nacionalista explicou que estas obras forman parte da actuación global que se está a desenvolver nas prazas de abastos da cidade, que supuxo nesta primeira etapa o investimento total de 336.000 euros.

mércores, 18 mar 2009
1237383600mercado.JPG
"No mercado do Calvario investíronse 58.000 euros na colocación de novas portas automáticas, persianas e cortinas de aire, así como o cambio do pavimento do primeiro piso", explicou. Santi Domínguez sinalou que coa visita puido comprpbar que os usuarios e usuarias "quedaron satisfeitos coas melloras realizadas". Asemade indicou que estas obras terán continuación co Plan Estratéxico de Obras dos Mercados Municipais, que contempla un investimento para esta praza de abastos do Calvario de 1.105.433 euros.

O tenente de alcalde explicou que as melloras no mercado do Calvario van consistir fundamenetalmente na instalación de escaleiras electromecánicas, novos aseos, a renovación e mellora da iluminación, obras de impermeabilización, instalación dunha máquina de xeo, reforma dos postos da pranta alta e instalación de captadores solares. Santi Domínguez engadíu que estas obras significan que "seguimos apostando polo pequeno e mediano comercio, sectores nos que os mercados xogan un papel fundamental".

Na súa intervención, destacou que o Plan Estratéxico de Obras dos Mercados Municipais, cuxo orzamento global ascende a 7.883.030 euros e prevé melloras tanto no mercado do Calvario como nos de Progreso, Teis, O Berbés, Bouzas e As Travesas, ten o obxectivo de que en dous ou tres anos estas instalacións "cambien de cara para facelas máis atraíntes aos usuarios e usuarias". "Esperamos impacientes a axuda da Xunta", subliñou.
Descargar todas as imaxes