Escoitar

Vigozoo contará cun herpetario-insectario

martes, 6 nov 2001
imx750.jpg
Vigozoo contará en breve cun herpetario-insectario no que se mostrarán réptiles, anfibios e insectos de todo o mundo, pero especialmente do ecosistema galego. O centro será pioneiro na península porque, ademais da exhibición dos animais e dunha completa información sobre eles, habilitarase un taller didáctico que permitirá aos nenos e nenas o contacto físico con aquelas especies que non sexan perigosas.

O organismo autónomo Vigozoo xa convocou o concurso para a creación do herpetario-insectario e do taller interactivo, que se denominará “Toca-toca, non toques”. O centro ubicarase no edificio de usos múltiples do zoolóxico. Deste xeito, engádese un novo atractivo para as visitas a Vigozoo durante todo o ano.

O concurso diríxese a empresas que acrediten experiencia neste eido. O adxudicatario deberá aportar tódolos elementos da instalación e os animais: insectos pao, mantis, arañas, escorpións, escarabellos, píntegas, serpes... Os réptiles que xa existen actualmente no zoo incorporaranse a esta colección.

A empresa que xestione esta nova sección de Vigozoo encargarase do seu mantemento con persoal técnico e servicios veterinarios. O Concello designará monitores especializados para guiar as visitas escolares ao taller “Toca-toca, non toques”. O herpetario contará cos soros antiofídicos das especies velenosas.
Descargar todas as imaxes