Escoitar

O alcalde transmite a "boa marcha" da ordenanza contra o botellón aos afectados de Joaquín Loriga

Segundo as estimacións de Abel Caballero, no mes de marzo podería estar en aplicación a ordenanza municipal contra o botellón, tal e como lles transmitiu hoxe martes aos afectados da rúa Joaquin Loriga. A normativa estipula sancións que oscilan entre os 300 euros das infraccións leves aos 3.000 das moi graves.

martes, 9 dec 2008
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu este martes a un colectivo de afectados polo botellón da rúa Joaquin Loriga para notificarlles a "boa marcha" da ordenanza municipal contra este fenómeno nocturno.

Joaquin Loriga é unha zona "moi castigada" polo botellón, declarou o rexedor, polo que será a primeira na que se actuará unha vez aprobada a normativa, no mes de marzo, segundo estimou Abel Caballero. A ordenanza declarará esta rúa como zona protexida, á que lle seguirán Teófilo Llorente e o Berbés.

Abel Caballero explicou que, para ser declarada zona protexida, se require, xunto co ditame da Xunta de Goberno Local, que se produzan concentracións numerosas e continuadas, queixas dos veciños e "actos pouco cívicos" na zona. A nova ordenanza permitirá impor multas leves, de 300 a 750 euros; graves, de 751 a 1.500 euros; e moi graves, que oscilarán entre os 1.501 euros e os 3.000.

O alcalde agarda que o texto sexa aprobado en Xunta de Goberno nun prazo máximo de dúas semanas, para que poida entrar no Pleno ordinario da Corporación do mes de decembro. Posteriormente, en xaneiro pasaría a exposición pública e, tras o período de alegacións, aproximadamente en marzo, a ordenanza entraría en vigor.