Escoitar

Santi Domínguez convida á Deputación a conveniar os 25 millóns que prevé investir en Navia<br />

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e a deputada provincial e concelleira de Benestar Social, María Méndez, recomendaron ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a seguir asinando convenios co Goberno municipal, do mesmo xeito que o facían cando a popular Corina Porro era alcaldesa de Vigo. Os nacionalistas defenden que ese é o xeito de colaborar entre administracións, tras coñecer o anuncio feito onte polo organismo provincial para investir 25 millóns de euros nun complexo deportivo en Navia.

venres, 5 dec 2008
1228486378proxnavia.jpg
Segundo Santi Domínguez, "é un escándalo político a forma como actúa o presidente da Deputación de cara a esta cidade", posto que ao seu xuízo Rafael Louzán "está burlando e desprezando á cidadanía viguesa, así como aos seus representantes". O tenente de alcalde sinalou que o anuncio realizado por Louzán é unha forma de "utilizar as administracións, que se nutren cos cartos de toda a cidadanía, como propaganda partidista dunha formación política como o PP". Ademais, considera que é un escándalo o mesmo feito de anunciar investimentos en materia deportiva "sen ter falado primeiro co representante da área deportiva correspondente e, sobre todo, no terreo municipal dunha parroquia para a que xa hai proxectadas actuacións".

"Estamos encantados de que a Deputación queira investir na cidade, pero non aceptamos máis colinas encantadas", destacou o nacionalista, para quen o Partido Popular "é un maestro en facer grandes anuncios en épocas preelectorais de proxectos que logo nunca se cumpren". O tenente de alcalde invitou ao presidente da Deputación a asinar un convenio de colaboración co Goberno municipal "do mesmo xeito que facía cando a anterior alcaldesa da cidade era Corina Porro, se resulta que realmente ten a intención de facer o investimento de 25 millóns de euros". Santi Domínguez incluso lle plantexou un posible acordo se realmente a Deputación quere colaborar de verdade na construción de infraestruturas deportivas en Vigo. Adiantou que podería destinar unha parte deses 25 millóns a Navia para completar o investimento municipal xa previsto, e o resto á desenvover a Cidade do Deporte. "O PP incluso presentou unha enmenda aos orzamentos municipais para desenvolver este proxecto. Así que entendo que o PP estaría encantado en que teñamos a colaboración da Deputación", precisou.

O tenente de alcalde considera que a sinatura de convenios entre administracións é a forma axeitada de actuar. Neste sentido indicou que así é como se fai coa Xunta, "xestionando conxuntamente os investimentos". Indicou tamén que este tema foi tratado na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe e neste sentido asegurou que o goberno "ten claro que calquera colaboración se ten que facer a través dun convenio".

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, manisfestou a súa preocupación polo cambio de actitude da Deputación de Pontevedra dende que el asumiu o cargo hai ano e medio. "Espero que non sexa nada persoal", sinalou, ao tempo que asegurou que dende que é concelleiro de Deportes, "a Deputación investiu en Vigo en materia deportiva cero euros". O edil nacionalista explicou que anteriormente, o organismo provincial aseguraba que a sinatura de convenios era "a mellor forma de levar a cabo as actuacións entre distintas administracións", algo que ao seu xuízo, agora non se cumpre. Ao respecto sinalou o caso dos campos de herba sintética "que aínda están sen entregar", polo que sinalou que a Deputación "non asina convenios nin cumpre os que xa ten asinados". Ademais, acusou ao organismo provincial de anunciar proxectos sen contar coa propia veciñanza da zona, como o anuncio (realizado en marzo do 2006) do investimento de 57 millóns de euros para levar a cabo un proxecto acuático tamén en Navia "ao que a veciñanza dixo non".

Xabier Alonso explicou que o Concello de Vigo ten un proxecto deportivo para desenvolver en Navia que está "consensuado coa veciñanza e coa xente do deporte". Sinalou que conta cun investimento de entre 20 e 25 millóns de euros e a súa posta en marcha comezará no 2009 coa construción dun polideportivo e un campo de fútbol de herba sintética. Está previsto que o conxunto estea rematado na súa totalidade nesta lexislatura. "Trátase dun proxecto moi ambicioso que si se vai a executar", subliñou o concelleiro de Deportes, quen indicou, que se a Deputación "ten interese por cambiar e realizar investimentos na cidade, ten agora a oportunidade de asinar convenios e nós estaremos encantados".

Xabier Alonso indicou que é moi curioso que o anuncio da Deputación se faga xusto despois de que o tenente de alcalde anunciara, hai só uns días, que unha parte dos 52 millóns de euros de investimento que Vigo vai recibir do Estado ían ir á construción de equipamentos deportivos en Navia. O concelleiro explicou que xa están os proxectos feitos e en condicións de empezar a executarse o vindeiro ano.

A deputada provincial e concelleira de Benestar Social, pola súa banda, salientou que "día tras día o único que fai a Deputación de Pontevedra é vender fume". Ao respecto indicou que se poden citar moitos exemplos, como a solicitude do plan de viabilidade que o organismo provincial solicitou o pasado mes de outubro sobre os investimentos en Navia, e non foi ata esta semana cando realizou o anuncio sen ter ese plan e sen poñerse en contacto co Goberno local para saber se esa actuación era necesaria. María Méndez salientou outro anuncio da Deputación, neste caso ao efectuado o ano pasado sobre a instalación dun circuíto de alta velocidade en Mondariz. "Tras sacar nese momento 70.000 euros das arcas provinciais para o proxecto, agora non sabemos nada del", manifestou a edil do BNG.
Fixo referenza tamén ao caso dos distintos investimentos que realiza a organismo provincial segundo os Concellos estean gobernados polo PP, o PSOE ou o BNG. Así, indicou que os Concellos populares como Ponteareas e Forcarei veñen de recibir 25.000 euros nos investimentos para potenciar actividades musicais, mentres que o resto, entre os que se atopan Cangas e Redondela, recibiron 6.500 euros polo mesmo concepto. "A da Deputación é unha política absolutamente partidista e de venta de fume nunha época preelectoral", concluía a deputada provincial do BNG.

Descargar todas as imaxes