Escoitar

Ensemble Micrologus: virtusismo da música antiga no festival Are-More

martes, 23 out 2001
imx704.jpg
Ensemble Micrologus
O Festival Are-More inicia a súa andadura no escenario da Concatedral de Santa María cun recital a cargo dun dos grupos europeos máis importante na interpretación e no rescate de pezas de música antiga. A cita será o xoves 25 de outubro ás 21:00 horas.

Gracias á investigación que realizaron os integrantes de Ensemble Micrologus pódese, segundo din os expertos, coñecer boa parte da idiosincrasia na que se baseou a composición e posterior interpretación da música da época medieval.

O traballo deste grupo baseouse sempre na busca das raíces das pezas que ten interpretado, o que lle serviu tamén para reconstruír moitos dos instrumentos musicais que naquela época foron utilizados para transmitirlles ós cidadáns as composicións que se fixeron entón.

Non só estes traballos de Ensemble Micrologus serviron para os fins xa mencionados, senón que tamén resolveron outras dúbidas que se presentaron sobre todo no referido á entoación na polifonía. Para completa-lo espírito que impregnou sempre as interpretacións deste grupo, os seus membros non só investigaron senón que interviñeron na maioría das festas medievais máis importantes que se celebran en Europa –caso da cidade de Peruxia, en Italia–, a fin de coñece-los recantos e a forma de vida dos habitantes daquela época.

Ensemble Micrologus fundouse no ano 1984 por catro dos cinco integrantes con que actualmente conta o grupo: Patricia Bovi, Adolfo Broegg, Goffredo Degli Esposti e Gabriele Russo. Na actualidade, o grupo traballa tamén con Alesandro Quarta. Durante estes anos ofreceron concertos, recitais, participaron en obras de teatro, compuxeron bandas sonoras de películas –a máis importante, “Mediterráneo” de Gabriele Salvatore– e gravaron máis de quince discos. Por un deles, “Landini e a música de Florencia”, recibiron, no ano 1996 o premio “Diapasón de ouro do ano” en Francia. Dende o ano 1995, Ensemble Micrologus grava os seus discos coa compañía Opus 111 de París. Ten tamén unha páxina web na que amosan tanto o seu repertorio como as novas investigacións que realizan sobre a música medieval.

O grupo adoita presentar ó ano dúas ou tres montaxes novas, tanto de música sacra como profana, sempre enmarcada entre os séculos XII e XV, ademais de realizar encargos para festivais e de colaborar nos seus traballos con coñecidos historiadores e estudiosos da época medieval.

No recital que Ensemble Micrologus vai ofrecer en Vigo, o grupo centrarase en temas da Florencia da época de Bocaccio, baixo o título “Ochi dolenti mie”.


PROGRAMA

MÁIS INFORMACIÓN
Descargar todas as imaxes