Escoitar

A música de Bach chega ó festival Are-More con Hazelzet e Ogg

luns, 22 out 2001
imx696.jpg
O segundo concerto do Festival ARE MORE ten como protagonista a música de Bach, tanto con pezas do propio compositor como algunhas posteriores que se inspiraron na súa prolixa obra. A interpretación corre a cargo dun dúo holandés que está especializado en concertos de cámara de música barroca, cunha traxectoria e experiencia recoñecidas en tódolos escenarios especializados europeos.

Wilbert Hazelzet e Jacques Ogg forman un dúo de forma permanente para a interpretación deste tipo de pezas, aínda que por separado tamén realizan colaboracións con outros intérpretes e formacións orquestrais, todas elas radicadas no seu país de orixe, Holanda.

Hazelzet dedícase, de xeito case exclusivo, á interpretación da frauta traveseira barroca, na que está considerado coma un dos máis importantes especialistas do mundo. O estudio deste instrumento realizouno seguindo as técnicas do século XVIII, pero de acordo cos tratados contemporáneos sobre canto e frauta. Na actualidade, é o primeiro frautista da Orquestra Barroca de Ámsterdan. Tamén formou parte de Música Antiga de Colonia e do conxunto preclásico Les Adieux. Imparte cursos de música barroca ó longo de todo o mundo e é profesor do Real Conservatorio de A Haia. Na súa discografía, ademais de gravacións para radio e televisión, salientan as obras completas para frauta de J. S. Bach.

O tamén holandés Jacques Ogg forma dúo con Hazelzet interpretando a clave. Graduouse no Conservatorio de Ámsterdan no ano 1974 e é, na actualidade, profesor no Conservatorio de A Haia, así como director de orquestra. Gústalle realizar gravacións de temas barrocos con amigos e colegas. Froito desas colaboracións é a formación do dúo con Hazelzet, que participa no Festival ARE MORE. É membro da Orquestra do Século XVIII e actúa, de forma regular con Concerto Palatino. É un dos músicos que habitualmente é invitado a tódolos cursos que se realizan en Europa e América de música barroca, e participou no xurado de importantes festivais en países europeos. Jacques Ogg foi nomeado hai pouco director artístico da Orquestra Barroca Lyra.

A cita será o martes 23 de outubro na sala de Concertos “Martín Códax” do Conservatorio Superior de Vigo a partir das 20:30 horas.


PROGRAMA e BIOGRAFÍAS




Descargar todas as imaxes