Escoitar

Festas e Animación Sociocultural patrocina o Concurso de Composición Coral Galega

venres, 19 out 2001
imx687.jpg
A concelleira de Festas e Animación Sociocultural, Isaura Abelairas, presentou os preparativos da terceira edición do Concurso de Composición Coral Galega ”Cidade de Vigo” ó que concorreron 44 autores nas modalidades de harmonización e nova creación. O fallo do xurado darase a coñecer o 25 de novembro nun acto no que participarán seis corais.

As obras ”Canto de berce”, ”Prende, salgueiriño, prende” e ”Se ti voas” resultaron elixidas na modalidade de harmonización, mentres que ”Maruxiña, o teu refaixo”, ”Miña virxe da Peneda” e ”Pousa, pousa” son as finalistas da nova creación. Tralo concurso, editarase un libreto que conterá as partituras destas pezas e distribuiráselles ás corais interesadas.

Este concurso tivo unha importante presencia de compositores de fóra de Galicia, xa que algúns proceden de Madrid, Alcorcón, Barcelona, Laguna de Duero, Villanueva de la Cañada e Caracas (Venezuela). Os autores finalistas son Emilio Lede Abal, Xosé Antón Vázquez Casas, Juan Antonio Rivero e Tarsicio Rodríguez Fernández.

O Concello de Vigo aportou un presuposto de 1.800.000 pesetas, das que se entregarán en premios 1.200.000. O xurado foi presidido polo compositor Xoán Trillo Pérez, estivo integrado por Juan Durán e Jorge Alves e actuou como secretario Gonzalo Pita.

Descargar todas as imaxes