Escoitar

A cantante Ute Lemper estrea o festival Are-More

xoves, 18 out 2001
imx680.jpg
Ute Lemper
O Festival ARE MORE inicia a súa nova andadura, o sábado 20 de outubro, cunha estrea de luxo, que ten como protagonista á cantante alemana Ute Lemper, na que será a súa única actuación en Galicia. A apertura do festival presenta, ademais, a novidade de que se enceta a nova xeira nun dos escenarios que está chamado a converterse nun gran centro para a cultura viguesa: o remodelado Teatro Fraga Caixa Galicia.

Ute Lemper será a encargada de abrir así un ciclo musical que contará, nos próximos tres meses, cun total de 28 concertos repartidos en distintos escenarios da cidade.

Lemper supón todo un referente para un importante sector do público en todo o mundo, que fixo do seguimento desta artista case unha forma de entende-la vida. Lemper consagrouse na elite musical internacional na última década, cun estilo persoal de interpretación, que lle valeu o recoñecemento unánime en todas cantas facetas musicais acometeu: música culta, adaptacións musicais, espectáculos creados por ela mesma, bandas sonoras de películas, interpretacións no cine, e numerosas gravacións discográficas. Todo iso fai desta artista un dos expoñentes da tendencia dos últimos anos de non clasifica-los cantantes nun só xénero musical e si primar un repertorio variado cun estilo versátil.

Ute Lemper naceu na localidade alemaña de Münster no ano 1963, iniciando a súa formación musical á temperá idade de nove anos en Viena. Posteriormente realizou a súa primeira aproximación á escena teatral, tras consolida-la súa formación musical, en seminarios celebrados en Salsburgo, Colonia e Berlín. Interpretou o seu primeiro papel con a penas vinte anos na producción CATS realizada en Viena, pero o seu gran debut produciuse no ano 1985, facendo a protagonista da comedia musical “Peter Pan”. Nese mesmo ano levou a cabo algo que a marcaría para o resto da súa carreira: formar parte dunha gran producción baseada na obra de Kurt Weil, autor que é, dende entón, unha peza clave no seu repertorio e nas produccións musicais que realizou ó longo dos anos.

O primeiro grande espectáculo creado por ela mesma chega no ano 1987, e está baseado, como non podía ser doutra forma, na vida e obra de Kurt Weil. Con este espectáculo deu a súa primeira xira mundial en Milán, Nova York, Toquio, Berlín, Londres e Barcelona. Aínda realizando a xira, Lemper inicia as súas aparicións no cine, concretamente con papeis en películas de autor de producción francesa e rusa. Inicia así mesmo a súa participación en bandas sonoras de películas e gravacións. Da man de Michael Nyman, que escribe para ela un ciclo de “leds” para un disco, Ute Lemper entra de cheo na música contemporánea. A partir dese momento, dispárase a súa traxectoria discográfica, na que destaca o álbum “Illusions”, editado por Decca, baseado no repertorio de Marlene Dietrich e con temas de Edith Piaf. Con este repertorio realiza unha nova xira mundial nos principais escenarios internacionais.

Dende entón a súa carreira foi imparable: catro grandes produccións musicais, gravación de novos discos, novas películas, etcétera. En 1996 Lemper cruza o seu camiño musical con Jérome Savary en Sttutgart, que lle ofrece o papel de Sally Bowles na producción “Cabaret”. A artista recibiu o premio Molière por esta interpretación en París. En 1998 obtén en Londres o premio “Oliver Award” como mellor actriz musical na súa interpretación na producción “Chicago”.

Participou, recentemente en tres traballos máis para a pantalla grande. O seu último traballo nos escenarios foi a producción “De Weimar a París”. E a súa máis recente gravación discográfica foi o álbum “Punishing Kiss” con temas de Elvis Costelo, Tom Waits, Nick Cave e Philip Glass.

Ute Lemper estrea o festival ARE MORE 2001, que foi bautizado polos organizadores como “Os camiños do amor: deuses e humanos”.



MÁIS INFORMACIÓN

Descargar todas as imaxes