Escoitar

Lidia Gómez: ”A igualdade de dereito en homes e mulleres non é aínda un feito”

mércores, 17 out 2001
imx676.jpg
Lidia Gómez
A psicoanalista especializada en traballos con mulleres Lidia Gómez Valverde participa nas IX Xornadas das Mulleres Veciñais de Vigo e explica que ”trata de facer visibles os estereotipos que inhiben o comportamento das mulleres”. Esta madrileña leva catorce anos traballando en casos de violencia exercida contra mulleres e supervisando casas de acollida. Ademais, é profesora de Teoría psicolóxica na Universidade Complutense.

Con estes obradoiros impartidos no Centro Cultural Caixanova, Lidia Gómez pretende ”facer visible aquilo que enmarca os avatares da sexualidade feminina en relación á imaxe da muller, os estereotipos que, de tan naturalizados, resultan invisibles e inhiben o comportamento das mulleres”, explica.

Trátase de exteriorizar aquilo que nos retrata para poder empezar a explorar a propia natureza, historia e sentimentos de cada muller. ”O nome das xornadas ´A sexual-idade feminina, unha conta pendente´ verdadeiramente reflicte a necesidade de falar da sexualidade feminina. Houbo un progreso ó respecto, agora exércese o dereito a falar con máis liberdade pero aínda hai contas pendentes, como ben di o título das xornadas”, sinala a psicoanalista.

Lidia Gómez di que estes encontros son necesarios para plantexar que ”a igualdade de dereito en homes e mulleres non é aínda un feito, tal como se comproba no ámbito laboral, por exemplo”.

”Hoxe por hoxe a muller séntese culpable e responsable da estabilidade da parella e atribúese como erro feminino a falta de harmonización na familia”, expón.
Descargar todas as imaxes